Publicación do libro Variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica

Data: 
Viernes, Noviembre 27, 2020 - 15:15
Imaxe: 

O Consello da Cultura Galega acaba de publicar un novo volume da colección Ensaio & Investigación, que leva por título Variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica, coeditado polos membros do ILG Francisco Dubert-García, Vítor Míguez e Xulio Sousa.

No volume reúnense sete traballos que abordan a análise de diferentes situacións de contacto de variedades lingüísticas peninsulares desde distintas perspectivas. Nun grupo de traballos estúdanse as consecuencias do contacto entre variedades identificadas como linguas e con distintas relacións de semellanza (galego, castelán, vasco, catalán, mirandés, portugués, asturiano), noutro preséntase a análise da confluencia de variedades relacionadas cunha mesma lingua (galego urbano, galego tradicional, castelán estándar, sociolectos andaluces etc.). As análises son realizadas desde diferentes modelos teóricos e reparando en distintos aspectos do sistema lingüístico. O conxunto de contribucións axuda a entender mellor a complexidade dos procesos de contacto e a recoñecer o interese destas investigacións para o avance do coñecemento lingüístico.