O galego ante o desafío da sociedade multilingüe

Data: 
Jueves, Junio 8, 2023 - 10:00

A investigadora do ILG Dolores Vilavedra coordina a xornada O galego ante o desafío da sociedade multilingüe, que terá lugar o 8 de xuño no Consello da Cultura Galega. O obxectivo deste evento é debater sobre as posibilidades que para o idioma galego se abren nun futuro que se contempla como un contexto de profunda transformación no relativo á ecoloxía da diversidade lingüística e de reforzo do plurilingüismo. E isto vai acontecer en sociedades que verán como os avances tecnolóxicos crean novas condicións de posibilidades para esa diversidade. Ao mesmo tempo, avaliarase como esas transformacións se producen en paralelo ao evidente declive dos modelos identitarios baseados na identificación lingua-Estado ou en conceptos que precisan unha revisión crítica como o de lingua nacional.

Na xornada participarán Peter A. Kraus (Universidade de Augsburgo); Bernadette O’Rourke (Universidade de Glasgow); Dolores Vilavedra (ILG - Universidade de Santiago de Compostela); Patxi Bastarrika (experto en planificación e política lingüística); Eva Gugenberger (Universidade de Flensburgo); e Henrique Monteagudo (ILG - Universidade de Santiago de Compostela).