Número especial da revista Languages sobre lingüística galega

Data: 
Miércoles, Agosto 6, 2025 - 11:00
Imaxe: 

Os membros do ILG Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira editan un número especial da revista en liña Languages, dedicada aos estudos interdisciplinarios de linguas, baixo o título New Developments in Galician Linguistics. O obxectivo deste número é presentar unha mostra representativa do estado da investigación sobre a lingüística galega, incluíndo estudos con metodoloxías innovadoras e liñas de desenvolvemento recente na lingüística galega. Ademais, móstrase o traballo de investigadoras e investigadores de recoñecido prestixio xunto ao de investigadoras e investigadores novos, como un sinal da vitalidade do campo e das perspectivas de futuro.

A lingüística galega ten unha historia breve, pero nos últimos 50 anos experimentou un desenvolvemento notable e, especialmente nas dúas últimas décadas, iniciáronse novas liñas de investigación e incorporáronse novas metodoloxías, alcanzando un nivel de desenvolvemento comparable ao dos estudos sobre calquera outra lingua no seu contexto como desmostran os once traballos publicados neste número especial da autoría de investigadores e investigadoras de universidades tanto galegas coma foráneas.