A investigadora Soraya Suárez Quintas, premiada cunha bolsa da Fundación Barrié
A investigadora do Instituto da Lingua Galega Soraya Suárez Quintas foi seleccionada pola Fundación Barrié para realizar unha estadía de investigación na Universidade de Sheffield (Reino Unido).
A actividade investigadora de Soraya Suárez Quintas enmárcase dentro dos estudos de dialectoloxía perceptiva e céntrase en análises dialectais e sociolingüísticas. A investigadora realiza a súa tese doutoral, titulada A percepción da variación lingüística en galego: os falantes e os dialectos, baixo a dirección do profesor Xulio Sousa.
O Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro da Fundación Barrié é un dos Programas de Bolsas de Excelencia máis destacado a nivel nacional e internacional. As 30 bolsas do Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro da Fundación Barrié distribuíronse en dúas modalidades: 10 bolsas para a realización de estudos de Máster e 20 axudas á mobilidade predoutoral para a realización de estadías en centros de excelencia no estranxeiro.