Dolores Vilavedra, nova presidenta do Consello da Cultura Galega

Data: 
Viernes, Mayo 29, 2026 - 13:30
Imaxe: 

Dolores Vilavedra, catedrática de Literatura Galega e investigadora do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, foi elixida o mércores 27 de maio nova presidenta do Consello da Cultura Galega polo pleno da institución en subtitución de Rosario Álvarez, que desempeñou o cargo ao longo destes oito últimos anos. Na actualidade, Vilavedra formaba parte do plenario do CCG en representación do noso centro e era vicepresidenta e coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación.

Tras a súa elección, Dolores Vilavedra comparecerá como presidenta electa no Parlamento de Galicia nas datas que fixe esta institución. O seu nomeamento será efectuado no Consello da Xunta de Galicia e, posteriormente, publicado no Diario Oficial de Galicia. Unha vez sexa nomeada, o Pleno do Consello da Cultura Galega elixirá os membros da Comisión Executiva por proposta da presidenta.

A presidenta electa do CCG falou sobre as liñas xerais do seu mandato e apuntou a unha “consciente actualización do papel e das funcións dunha institución que se encamiña cara aos 50 anos”. Nese sentido, destacou que potenciará o traballo en equipo en distintos niveis e fortalecerá as relacións institucionais dentro e fóra de Galicia. Na acción exterior intensificará tamén as relacións co Etxepare Euskal Institutua e co Institut Ramon Llull.

Entre as súas prioridades situou a vontade de “facer visible o compromiso desta institución coa sabedoría, a capacidade de análise e reflexión, o espírito crítico e o valor do coñecemento científico”. Vilavedra salientou que o camiño percorrido polo CCG “no fomento do diálogo entre a cultura humanística e a científica xa non ten volta atrás” e asegurou que procurará manter a diversidade disciplinaria que caracterizou a institución desde a súa creación, así como unha aposta decidida “pola divulgación e pola excelencia”.

Vilavedra apuntou tamén que outro dos grandes obxectivos será chegar a novos públicos, especialmente ás xeracións máis novas. Ademais, expresou a súa preocupación polas desigualdades no acceso á cultura e polos atrancos que determinados novos grupos cidadáns poden atopar no achegamento á lingua e á cultura galegas. “Garantir o seu dereito a ser galegos e galegas de pleno dereito tamén nas prácticas culturais debería constituír unha prioridade nos vindeiros anos”, concluíu.

Por último, subliñou a importancia de reforzar o papel asesor da institución e anunciou medidas como o fortalecemento do Observatorio da Cultura Galega e a elaboración dun plan de dixitalización progresiva dos fondos do CCG, tanto dos distintos arquivos como dos legados que a institución recibe de maneira continuada.

Fotografía: Consello da Cultura Galega