Dolores Vilavedra edita o epistolario inédito de Alejandra Murguía para rescatar a súa figura e o legado de Rosalía

Data: 
Viernes, Octubre 30, 2026 - 12:30
Imaxe: 

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía. O libro, editado pola investigadora do Instituto da Lingua Galega Dolores Vilavedra e cun prólogo de Xesús Alonso Montero, é o primeiro título da nova Biblioteca da Cátedra Rosalía de Castro. A publicación está xa dispoñible na Libraría Dixital da USC para a súa descarga de balde.

O volume presentouse o venres 16 de outubro na biblioteca do ILG nun acto en que participaron Marcelo Maneiro Maneiro, vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento; Elisa Fernández Rei, directora do ILG; Fernando Cabo Aseguinolaza, codirector da Cátedra Rosalía de Castro; Julio García Comesaña, deputado e secretario da Mesa do Parlamento de Galicia e Dolores Vilavedra Fernández, presidenta do Consello da Cultura Galega e editora do volume.

Para Vilavedra, a edición destas cartas significa, en primeiro lugar, “dar voz a unha muller como Alejandra, que ficou completamente ensombrecida polas figuras dos seus pais, aos que se entregou cunha xenerosidade inesgotable”. A responsable da edición reivindica así o interese propio dunha creadora que, malia ter “moito que facer e que dicir”, quedou practicamente invisibilizada pola historia. Debuxante, pintora e ilustradora, realizou acuarelas, retratos e gravados, foi mestra do seu irmán Ovidio Murguía e colaborou na prensa ilustrada do seu tempo. Os seus traballos apareceron en La Ilustración Gallega y Asturiana, publicación dirixida por Manuel Murguía, para a que deseñou a cabeceira empregada desde xullo de 1879. A prensa da época chegou a presentala como unha das novas promesas da arte galega.

O epistolario permite tamén reconstruír a singular amizade entre Alejandra Murguía e Ángela Santamarina, dúas mulleres con inquedanzas comúns pero separadas por un abismo social: fronte á posición privilexiada da aristócrata e benefactora ourensá, Alejandra viviu as últimas décadas de Manuel Murguía no medio dunha notable precariedade familiar. Para a responsable da edición esta relación entre dúas mulleres do seu tempo constitúe unha das historias máis singulares que atravesan o volume.