Conferencia de Carme Silva na Universiteit Leiden

Data: 
Miércoles, Octubre 23, 2024 - 14:00
Imaxe: 

A investigadora do ILG Carme Silva ofreceu o día 22 a conferencia "Políticas de retorno diaspórico desde Latinoamérica a Galicia (España): la eterna contradicción entre la sangre y la lengua" na Universiteit Leiden. O evento estivo organizado pola plataforma Research Lab for the Study of Heritage Languages of the Netherlands (HERLING) e a Study Association of Latin American Studies (InterLatina).

Silva sinalou como constante a existencia dunha contradición notable entre os movementos de retorno transxeracional, politicamente impulsados por diversas sociedades en diferentes momentos dos séculos XX e XXI, e a condición de alóglotas (ben en termos de lingua, ben de dialecto) das persoas ás que se convida a protagonizar este tipo de mobilidade. O estudo de caso exposto foi o de Galicia, que está a desenvolver unha decidida política neste ámbito, destinada a captar como nova poboación, entre outros perfís, persoas que naceron naqueles países da América Latina aos que se dirixiu no pasado a maioría da emigración desta orixe: Arxentina, Uruguai, Cuba, México, Venezuela e Brasil, fundamental aínda que non exclusivamente.

Nunha primeira parte da exposición, a investigadora sinalou bibliografía centrada na análise de diversas políticas de retorno diaspórico e abordou a relevancia de factores lingüísticos neste tipo de procesos migratorios. Dentro desta bibliografía, estudou como caso relevante o retorno a Xapón de descendentes desta orixe, cuxas familias se instalaron desde principios do século XX en Brasil e Perú e que foron reclamados para a terra ancestral nas décadas finais desta centuria.

Unha segunda parte da exposición consistiu en presentar os resultados dun traballo de campo centrado no retorno diaspórico desde América Latina a Galicia, que a administración galega está a impulsar no momento actual. Situados a medio camiño entre os nativos (cos que comparten características xurídicas) e os inmigrantes da súa mesma orixe (tamén chegados á Galicia actual e idénticos lingüisticamente a eles), estes retornados diaspóricos experimentan un dilema identitario, que se manifesta con claridade en termos lingüísticos: deben decidir se abandonar aqueles trazos que os marcan como falantes de español non peninsular (ou polo menos tentalo) ou ben abrazar o emblema desta identidade e manter indexicalmente o seu dialecto.