Conferencia de Benjamin Campbell

Data: 
Viernes, Junio 27, 2014 - 12:30
Imaxe: 

O venres 27 de xuño ás 12:30 h, o profesor Benjamin Campbell, do Departamento de Antropoloxía da Universidade de Wisconsin-Milwaukee, impartirá unha conferencia titulada "The Emergence of Language With Music and Ritual: An Hypothesis".

Na exposición preténdese explicar unha teoría sobre a aparición da linguaxe, estreitamente relacionada para Campbell coa música e o rito. As teorías lingüísticas sobre a orixe da linguaxe tenderon, ata hai ben pouco, cara á abstracción, como se a linguaxe xurdise como unha cousa en si mesma. Os antropólogos, pola súa banda, polo xeral insiren a linguaxe falada dentro dun abano máis amplo de comportamentos humanos, xunto co movemento, os xestos, a música e o rito. Non é de estrañar, entón, que con frecuencia as teorías antropolóxicas sobre a orixe da linguaxe consideren que a música e o rito desempeñan un papel. Porén, pouca atención se lle ten prestado aos avances acadados por esta vía.

Benjamin Campbell sostén que a prosodia da linguaxe moderna presenta tazos de moitos dos estados emocionais asociados coa musica e o rito. Neuroloxicamente, a prosodia está asociada coa actividade do córtex insular, a parte do cerebro que tamén se activa ao escoitarmos música, e coa empatía, un elemento clave nos ritos colectivos. Ademais, a parte esquerda do córtex insular está asociada especificamente co control dos músculos da gorxa e a boca que producen a linguaxe, proporcionando un elemento emocional na teoría motriz da percepción da linguaxe. Campbell suxire que a linguaxe xurdiu a carón dos ritos e a música como xeito de promover a cohesión do grupo. Estes ritos non só nos forneceron dunha plataforma para desenvolver a memoria e facer a comunicación verbal máis fiable, senón que tamén limitaron o impacto nos grupos pequenos con intereses comúns, permitindo que a linguaxe se consolidase con maior rapidez.