Aberto o prazo de preinscrición dos cursos "Galego sen fronteiras"

Data: 
Viernes, Abril 4, 2025 - 23:45
Imaxe: 

O Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega organizan unha nova edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia "Galego sen fronteiras", en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. A preinscrición desta 35.º edición encóntrase aberta e pode realizarse ata o 4 de abril a través do blog dos cursos .

Os cursos, dirixidos a persoas de fóra de Galicia, desenvolveranse en Santiago de Compostela entre os días 3 e 24 de xullo de 2025 baixo a dirección de María López-Sández e con María Álvarez de la Granja como secretaria académica, ambas investigadoras do ILG. Dende 1988 participan alumnos e alumnas de diferentes partes do mundo, que contribuíron e contribúen a crear e a estender a rede de estudo e de investigación sobre a lingua e a cultura galegas.

O programa organízase en distintos niveis e concíbese como unha experiencia plena de inmersión na lingua e na sociedade galegas. Ademais de asistir a aulas teóricas e prácticas, o alumnado ten a oportunidade de escoitar profesionais de prestixio de distintos campos que desenvolven o seu labor en galego.