O seminario do ILG 'Perspectivas sobre oralidade' analiza estes martes aspectos relacionados coa adquisición da lingua e coa expresión oral

Data: 
Jueves, Junio 17, 2010 - 17:30

‘Adquisición da lingua’ será o relatorio que inicie este martes 30 unha nova sesión do seminario que o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) dedica este ano a ‘Perspectivas sobre oralidade’. Impartido polo profesor da USC Miguel Pérez Pereira a intervención desenvolverase a partir das 17:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía. Deseguido, Elisa Fernández Rei, do ILG, falará sobre ‘Expresión oral’.

O programa continuará o mércores 31 nunha sesión que comezará ás 17:00 horas coa participación do profesor da Universidade Autónoma de Barcelona Albert Rico para analizar o catalán falado nos medios de comunicación. Seguiralle Antón Dobao, da CRTVG, para abordar os modelos orais de galego nos medios de comunicación. A seguinte xornada será o día 7 de novembro  para analizar aspectos relacionados coa síntese de voz e o recoñecemento da fala.

O simposio que o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) organiza anualmente e de xeito ininterrompido dende o ano 2001 sobre un tema específico e de interese para a comunidade científica céntrase na súa edición de 2007-2008 no tema ‘Perspectivas sobre a oralidade’. Con esta iniciativa o ILG pretende impulsar a investigación naquelas parcelas da lingüística galega que poidan estar hoxe desatendidas ou non abondo desenvoltas e propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión dunha determinada materia. O encontro celebrarase no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía ata o 9 de novembro.

A oralidade
A oralidade é inherente ao ser humano é a primeira e fundamental manifestación da linguaxe, pero é unha dimensión da lingua que ao longo da historia da lingüística con frecuencia ficou esquecida ou se tratou de maneira marxinal. Este é un eido do coñecemento que se pode abordar desde diferentes ángulos, non só desde a lingüística senón tamén desde outras disciplinas, como a antropoloxía, a literatura, a psicoloxía, entre outras. Hoxe existen en Galicia moitos especialistas que traballan nalgunha destas áreas vinculadas á oralidade, pero son tamén aínda moitos os campos que non se comezaron a traballar. Por tanto, o ILG quere contribuír coa organización deste simposio ao encontro dos investigadores que hoxe en día traballan en Galicia sobre algunha dimensión da oralidade, e á presentación e coñecemento doutros aspectos da oralidade ata hoxe non estudados no galego, para así enriquecer os traballos que se están a desenvolver e, asemade, contribuír a abrir novas liñas de investigación.

Todos os traballos presentados no simposio son contribucións orixinais, elaboradas por encargo expreso da organización por especialistas en cada materia, que poderán ser debatidos de maneira inmediata nos coloquios que seguirán a cada intervención e, de xeito demorado, tras a súa difusión escrita, en volume de actas publicado polo Consello da Cultura Galega (Sección de Lingua).

Os traballos xiran arredor de diferentes focos de interese, que requiren diferentes especializacións e metodoloxías específicas, como a análise do discurso oral, a función estética da lingua oral, variación da lingua falada, a lingua oral nos medios de comunicación, a adquisición da lingua e aprendizaxe da expresión oral, o uso da voz na comunicación e uso de recursos non verbais, tecnoloxías da fala e a elaboración e etiquetaxe de córpora orais.

Os organizadores do simposio consideran que o encontro servirá de complemento e reforzo para a formación dos estudantes, especialmente de segundo e terceiro ciclo, e ao tempo, de estímulo para que novos investigadores orienten a súa actividade cara a este campo de estudo. Neste senso, o programa previsto diríxese a estes estudantes e investigadores así como a especialistas en distintos campos da lingüística galega e profesionais da lingua, sobre todo os relacionados coa lingua falada.

Para acadar máis información sobre o encontro, as persoas interesadas poden dirixirse á paxina web do ILG (http://www.usc.es/ilgas/).