Ernesto González, elixido novo director do Instituto da Lingua Galega da USC
Licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC, Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) imparte docencia de Filoloxía Galega na USC. O seu traballo investigador oriéntase ao campo da lexicografía e ao da estandarización da lingua galega, eido no que dirixiu o Dicionario de dicionarios do galego medieval. Foi ademais decano da Facultade de Filoloxía dende 2004 ata 2012.
O InstitutoO ILG leva 42 anos dedicados ao estudo e promoción do galego. Numerosos proxectos, publicacións e iniciativas, algunhas delas decisivas, dan conta do traballo iniciado a comezos dos anos 70 por un grupo de investigadores liderado polo catedrático de Filoloxía Románica Constantino García. A súa antigüedade convérteo no centro destas características máis antigo do sistema universitario galego.
Entre as súas achegas ao estudo do galego figuran a cartografía dos apelidos de Galicia; o Arquivo do Galego Oral que resultou no Atlas Lingüístico Galego (ALGa); o vocabulario ortográfico da lingua galega; os tesouros informatizados da lingua galega; o Inventario toponímico da Galicia medieval; o deseño do curso interactivo é-galego; a colaboración no Arquivo Sonoro de Galicia; os Estudos de Lingüística Galega ou o Dicionario de dicionarios da lingua galega, xunto con preto de cincuenta volumes máis.