Simposio ILG 2025. A intelixencia artificial e a lingua galega: oportunidades e riscos
O salto tecnolóxico producido nos últimos anos pola intelixencia artificial (IA) revolucionou as tecnoloxías lingüísticas, tanto nas aplicacións de texto coma nas centradas na fala. Esta verdadeira revolución pode acentuar a brecha entre as grandes linguas e as linguas máis pequenas, e particularmente as linguas minorizadas, que se poden ver amezadas de extinción dixital. Mais, paradoxalmente, estes novos desenvolvementos tamén poden contribuír a reducir esa fenda. A lingua galega afronta estes retos nun escenario de serias ameazas, mais tamén de interesantes oportunidades.
Este simposio quere ofrecer unha ocasión para reflexionar sobre o presente e o futuro da lingua galega na era dixital. Neste contexto, o Proxecto Nós de tecnoloxías lingüísticas busca abrir novas perspectivas e tirar as posibles vantaxes desta situación de mudanza. Neste simposio buscamos explorar estas oportunidades, mais tamén botar unha mirada crítica ás tecnoloxías baseadas na intelixencia artificial. Para iso, ademais de presentar o desenvolvemento da IA e ilustrar o funcionamento das principais ferramentas en tecnoloxías lingüísticas, trataranse tamén de maneira específica os problemas éticos e legais que aparecen con estas aplicacións, así coma as súas repercusións para certas profesións: xornalistas, actores e actrices ou profesionais da tradución.
As intervencións previstas neste simposio están ao cargo de figuras protagonistas no desenvolvemento destas tecnoloxías, ás que se suman voces expertas nos ámbitos profesionais afectados pola irrupción destes novos recursos.