A vixésimo primeira edición do Simposio do ILG coincide cronoloxicamente cos 50 anos da súa fundación, en maio de 1971. Por tal motivo e de forma excepcional, como pide a ocasión, ten carácter conmemorativo antes que temático e a el súmase a vontade do ILG de homenaxear nesta ocasión tan especial a tres dos seus máis insignes investigadores, que comezaron a súa andaina na institución nesa década fundacional e que continúan plenamente activos na actualidade: Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González.
O criterio dunha liña temática concreta susbtituíuse desta vez polo dunha composición propositada do programa de conferenciantes no que acompañan aos homenaxeados, como núcleo do evento, unha representación dos investigadores novos do ILG, investigadores destacados das tres universidades galegas e investigadores estranxeiros de longa traxectoria de colaboración co Instituto da Lingua Galega.
Sendo en conxunto misceláneos, os contidos do programa son representativos das liñas de investigación tradicionais e recentes do ILG. Como presentación do marco xeral, na conferencia inaugural ofrécese unha visión panorámica da traxectoria da institución nos seus 50 anos de vida.
A lingüística galega constitúe o foco dunha boa parte das conferencias. A sociolingüística, as tradicións discursivas, a lexicografía e as TIC conforman as disciplinas na perspectiva sincrónica. A toponimia e o léxico preséntanse na dimensión diacrónica.
Está representada tamén a lingüística portuguesa na súa dimensión africana.
Outro centro de interese é o da filoloxía, centrada para o galego no patrimonio da prosa medieval e para o portugués no desenvolvemento dos estudos de paleografía no Brasil.
Completan o programa os ollares da historia sobre aspectos sociais da Galicia moderna e contemporánea.
O Simposio decorrerá na 4ª semana de outubro (18-21) na Facultade de Filoloxía en horario de tarde (17:00-20:30 h). As sesións poden visualizarse na canle de Youtube da USC nas seguintes ligazóns:
Luns, 18 de outubro: https://www.youtube.com/watch?v=P_pomGwQD-g
Martes, 19 de outubro: https://www.youtube.com/watch?v=QKXBvCzoC1g
Mércores, 20 de outubro: https://www.youtube.com/watch?v=Yx83VftYv5I
Xoves, 21 de outubro: https://www.youtube.com/watch?v=CLPlkt2CZVk