Conferencia de Anik Nandi no ILG

Data inicio: 
Miércoles, Junio 11, 2025 - 13:00
Data fin: 
Miércoles, Junio 11, 2025 - 14:00
Poster: 
Descrición: 

Anik Nandi, profesor da Woxsen University (India), ofrecerá o mércores 11 de xuño a conferencia Micropolíticas familiares e a cidadanía sociolingüística dos proxenitores galegos e vascos: ideoloxías, xestión e prácticas de revitalización lingüística. O evento, organizado polo Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega, terá lugar lugar na sala de divulgación do noso centro ás 13 h.

Nandi falará sobre como os procesos de minorización lingüística, intensificados polo impacto da globalización, continúan presentes nas situacións de bilingüismo social asimétrico, provocando a substitución das linguas minorizadas e a marxinación dos seus falantes. As investigacións de tipo etnográfico no campo da Política Lingüística das últimas décadas, marcadas por un enfoque axentivo, analizaron como os falantes de linguas minorizadas se propoñen preservar e reclamar as súas linguas a través da introdución destas en todas as situacións, a pesar dos factores que xogan en contra en moitos casos.

Tomando o concepto de “cidadanía sociolingüística” (Sociolinguistic Citizenship) de Stroud (2018) e as “micropolíticas lingüísticas familiares” (Nandi, 2018, 2023), que poñen o foco en cuestións de poder, ideoloxía e marxinación, este relatorio examinará a relación que se establece entre as políticas lingüísticas gobernamentais e a súa recepción polos diversos axentes sociais (por exemplo, proxenitores e crianzas entre outros). A análise da súa recepción, isto é, a súa negación, negociación, apropiación ou implementación, informa das ideoloxías en torno ao uso/non uso das linguas minorizadas como o éuscaro e o galego. A través do uso de varias técnicas de produción de material empírico como as observacións de campo, entrevistas dirixidas e grupos de discusión, e unha análise cualitativa deste material, esta investigación mostra de que forma estes membros da familia actúan como axentes políticos a través do uso da lingua minorizada e como este uso estratéxico cuestiona as políticas lingüísticas estatais e, polo tanto, o statu quo das linguas en Galicia e Navarra. Este cuestionamento, cando se traduce nun cuestionamento colectivo, pode conducir a políticas lingüísticas de resistencia bottom-up a favor da revitalización das linguas minorizadas.