Publicación en liña do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica

Data: 
Friday, May 13, 2016 - 19:45
Imaxe: 

Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI), o gran proxecto da xeografía lingüística da primeira metade do século XX dirixido no seu día por Tomás Navarro Tomás (1884-1979) no Centro de Estudos Históricos, comezou a súa publicación na rede. Na web http://www.alpi.csic.es pódese acceder aos datos sobre as falas románicas de 527 localidades da Península e as Illas Baleares que se recollen no traballo de campo. A ferramenta de consulta permite diferentes tipos de busca e facilita o cartografado dos resultados segundo os intereses do usuario.

O proxecto, financiado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e con apoio das universidades colaboradoras e mais o Institut d'Estudis Catalans, desenvolveuno un equipo que coordina Pilar García Mouton (CSIC) e que está integrado integrado por Inés Fernández-Ordóñez (Universidad Autónoma de Madrid), Maria Pilar Perea (Universitat de Barcelona), João Saramago (Universidade de Lisboa) e David Heap (University of Western Ontario). Por parte do Instituto da Lingua Galega da USC participa o investigador Xulio Sousa.

A páxina do ALPI ofrece información interesante para especialistas, profesorado, estudantado e público xeral. Presenta a historia do proxecto orixinal, describe a súa metodoloxía e facilita a ligazón a unha entrevista que lle realizou o xornalista Jesús Hermida a Tomás Navarro Tomás en 1974. As fotografías conservadas no Fondo Rodríguez-Castelán (Biblioteca Tomás Navarro Tomás, CCHS-CSIC), de gran valor etnográfico, organízanse nunha galería que tamén admite procuras. A maiores, a web detalla os pasos do actual proceso de edición, os criterios seguidos... e no apartado «Publicacións» dá acceso a unha biblioteca virtual onde se atopan dixitalizados o primeiro volume do ALPI (CSIC, 1962) e os estudos relacionados co atlas publicados polos seus autores e autoras e polo equipo que traballa actualmente na súa elaboración e edición dixital.

A idea de elaborar un atlas lingüístico das linguas románicas da península ibérica foi concibida no primeiro cuarto do século XX polo filólogo Ramón Menéndez Pidal (A Coruña 1869 — Madrid 1968). A dirección do proxecto foille encomendada ó seu discípulo e alumno Tomás Navarro Tomás. No ano 1934 e co auspicio do Centro de Estudios Históricos, tres grupos de investigadores comezan a realizar o traballo de recollida dos materiais. O cuestionario utilizado contiña 1244 preguntas e os tres equipos repartiron o traballo de campo do territorio ibérico. O noventa por cento dos materiais das enquisas recolleuse entre 1931 e 1935, e entre 1947 e 1954 completouse o resto.

No territorio administrativo galego encóntranse 53 puntos de enquisa do ALPI. O investigador Aníbal Otero (Ribeira de Piquín 1911—1974) foi o encargado da recollida dos materiais no territorio galego, axudado nalgunhas localidades por Aurelio M. Espinosa (fillo). O traballo de campo en Galicia completouse antes da Guerra Civil e foi incorporado na redacción do primeiro tomo publicado en 1962.

Os cadernos do ALPI ofrecen unha imaxe moi completa e detallada das variedades lingüísticas galegas do primeiro terzo do século XX que axuda a comprender mellor a historia lingüística e cultural de Galicia.