XIII Premios á calidade lingüística

Data: 
Wednesday, April 11, 2018 - 14:15

A investigadora do ILG Tamara Rial Montes recibiu o Premio á calidade lingüística na modalidade de traballo de fin de mestrado, Área de Ciencias Sociais e Xurídicas, polo seu traballo Avaliación da competencia bilingüe en galego e castelán de alumnado galegofalante e castelán falante de 4º da ESO.

Na Área de Ciencias Sociais e Xurídicas o premio foi concedido ex aequo aos traballos Aproximación creativa ao ensino do vocabulario na clase de inglés de Secundaria: reflexións teóricas e proposta de actividades lúdicas, de Mercedes Martínez Lorenzo, do mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatorio, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas; a Avaliación da competencia bilingüe en galego e castelán de alumnado galegofalante e castelán falante de 4º da ESO, de Tamara Rial Montes, do mesmo mestrado, e a Conflitos de contido ambiental: unha análise xeográfica de dous casos en Galicia, de Diego Cidrás Fernández, do mestrado en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial.

A Universidade de Santiago de Compostela convoca os Premios á calidade lingüística para fomentar unha cultura de calidade entre o alumnado ligada ao uso do galego. Con este concurso a USC premia os mellores traballos académicos de curso, de fin de grao (TFG) ou proxectos de fin de carreira (PFC), así como traballos de fin de mestrado (TFM) escritos en galego. Hai tres categorías de premios -traballos académicos, proxectos de Fin de Carreira ou de Grao e de Fin de Mestrado-, con cinco premios para cada unha das áreas de coñecemento. O xurado só valorou a calidade lingüística empregada na redacción, non a súa calidade académica ou científica.