XII Premios á calidade lingüística

Data: 
Thursday, March 2, 2017 - 14:15

A bolseira de colaboración do ILG Tamara Rial Montes recibiu o Premio á calidade lingüística na modalidade de traballo de fin de grao, área de Arte e Humanidades, polo seu traballo Ola, señor, dásme o libro?, dirixido pola profesora e investigadora do ILG Elisa Fernández Rei. Tamara Rial Montes tamén recibiu o premio á calidade na modalidade de traballos académicos polo traballo A flexión de xénero nos nomes en –ANU(M). Historial sociolingüístico.

Na modalidade de TFM de Ciencias Sociais e Xurídicas conseguiu o premio o estudante de doutoramento Vítor Míguez Rego, do posgrao en Formación do Profesorado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensino de linguas, polo traballo ‘O ensino da gramática na educación secundaria: entre o o uso e a reflexión’.

A Universidade de Santiago de Compostela convoca os Premios á calidade lingüística para fomentar unha cultura de calidade entre o alumnado ligada ao uso do galego. Con este concurso a USC premia os mellores traballos académicos de curso, de fin de grao (TFG) ou proxectos de fin de carreira (PFC), así como traballos de fin de mestrado (TFM) escritos en galego. A esta XII edición dos Premios á calidade lingüística concorreron máis dun cento de obras, repartidas nas diversas categorías.