Vítor Míguez, novo coordinador de CLARIAH-GAL

Data: 
Monday, February 16, 2026 - 17:45
Imaxe: 

O Consello Científico do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acordou por unanimidade, nunha reunión celebrada o pasado 10 de febreiro na súa sede, propoñer o investigador Vítor Míguez como novo coordinador de CLARIAH-GAL. O reitor da USC aprobou o seu nomeamento, con efectos desde o 16 de febreiro de 2026.

Vítor Míguez desenvolve a súa investigación no ámbito da gramática do galego desde a perspectiva da lingüística de corpus, unha liña de traballo estreitamente vinculada cos obxectivos de CLARIAH-GAL, centrados na integración de recursos, ferramentas e tecnoloxías lingüísticas ao servizo das humanidades dixitais.

CLARIAH-GAL é unha infraestrutura dixital de investigación en Humanidades e Ciencias Sociais coordinada polo ILG, que conta coa colaboración do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC. O seu propósito é artellar unha rede galega de grupos e centros de investigación en Humanidades Dixitais e Tecnoloxías Lingüísticas, así como ofrecer soporte ás infraestruturas europeas CLARIN ERIC e DARIAH.

Neste contexto, CLARIN ERIC constitúe unha infraestrutura europea distribuída que promove o acceso, intercambio e sustentabilidade de datos e ferramentas lingüísticas, facilitando a súa dispoñibilidade a través dunha plataforma común para a comunidade investigadora. Pola súa banda, DARIAH céntrase no impulso da investigación e do ensino nas artes e humanidades mediante o uso de tecnoloxías dixitais, proporcionando apoio no uso de métodos, ferramentas e recursos para a análise e interpretación de contidos dixitais.

CLARIAH-GAL intégrase, ademais, en CLARIAH-ES, a rede estatal que coordina a participación española nestas infraestruturas europeas e contribúe ao cumprimento dos compromisos adquiridos por España neste ámbito.

O nomeamento de Vítor Míguez supón un paso máis no fortalecemento desta infraestrutura en Galicia, reforzando a súa capacidade para impulsar a investigación, a innovación e a colaboración no eido das humanidades dixitais e as tecnoloxías lingüísticas.