A UCM homenaxea o lingüista Alonso Zamora Vicente
O luns 18 de abril, o paraninfo da facultade de Filoloxía da Universidade Complutense de Madrid (UCM) acolleu unha xornada de homenaxe ao profesor e lingüista Alonso Zamora Vicente (1916-2006), que se estruturou a partir de varias mesas redondas nas que se avaliou a súa importante achega, principalmente aos ámbitos da dialectoloxía e a lexicografía.
Francisco Fernández Rei, por parte do ILG, interveu na primeira das sesións, xunto con docentes da Universidade de Oviedo, da Universidade Pompeu Fabra e do CSIC. Representantes de máis dunha ducia de institucións educativas e de investigación de España e outros países europeos tomaron parte no encontro, que buscaba poñer en valor o labor académico deste investigador, teórico, escritor e mestre.
O Instituto da Lingua Galega sumouse a este recoñecemento, pois a comezos da década de 1950, cando a lingua galega practicamente era unha incógnita entre os romanistas, Zamora Vicente publicou tres artigos sobre tres fenómenos relevantes da dialectoloxía galega (seseo, gheada e distribución de -ao/-án), seguidos doutro en 1963 sobre a xeografía dos grupos -uit-, -oit-.
A revista Verba da USC reeditounos, xunto con outros traballos de dialectoloxía hispánica da súa autoría, a modo de homenaxe a unha figura de gran dimensión humana e de vital importancia para a lingüística galega, que foi docente na universidade compostelá na década de 1940 e que realizou unha achega indiscutible para a dignificación científica da nosa lingua.