Revista LaborHistórico

Data: 
Thursday, April 26, 2018 - 17:30
Imaxe: 

A revista LaborHistórico (publicación semestral da Universidade Federal do Rio de Janeiro, especializada na área de Lingüística Histórica Románica e áreas afins), acaba de publicar o seu Volume 3(1), 2017, titulado Lingüística Galega. A contribución do Instituto da Lingua Galega. O volume está coordinado por Rosario Álvarez e por Henrique Monteagudo, membros do Consello Científico do ILG. Os traballos do volume presentan o contributo do ILG como parte dunha visión panorámica máis ampla dos avances da Lingüística Galega nas últimas décadas, salientando o papel que este centro xogou en cada ámbito considerado. Os traballos recollidos presentan a evolución dos estudos sobre o galego en Sociolingüística (Henrique Monteagudo), Dialectoloxía e Xeografía Lingüística (Rosario Álvarez e Xulio Sousa), Edición de Textos (Ana Boullón), Fonética e Fonoloxía (Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira), Gramática (Francisco Cidrás e Francisco Dubert-García), Historia da Lingua (Xavier Varela Barreiro e Ricardo Pichel) e Lexicografía (Ernesto González Seoane e Antón Santamarina). Recóllese ademais un traballo sobre a historia e funcións do ILG (Serafín Alonso Pintos).

A elaboración e publicación do dossiê ten a súa orixe nun proceso de estreitamento da colaboración entre lingüistas galegos e brasileiros que arrinca de xa no ano 2010 e que segue en marcha. Con esta publicación búscase, pois, lograr un maior e mellor coñecemento do idioma galego e da Lingüística Galega no Brasil, e contribuír a estreitar os lazos, xa firmes, que nos unen.