Presentación do libro Antroponimia e lexicografía

Data: 
Tuesday, January 15, 2019 - 17:15
Imaxe: 

O martes 15 de xaneiro ás 12.30 h na Biblioteca do Consello da Cultura Galega tivo lugar a presentación do libro Antroponimia e lexicografía

O volume, que xunta as achegas presentadas no simposio homónimo organizado polo ILG no ano 2016, reúne diversas contribucións de investigadores sobre a elaboración de dicionarios antroponímicos, tanto desde unha perspectiva románica como en distintos ámbitos xeográficos (Italia, Reino Unido e Irlanda, Estados Unidos, Galicia), así como a conexión entre a antroponimia e o léxico común (a deonomástica) e sobre aspectos específicos do estudo da antroponimia galega (problemas etimolóxicos, sobre a transmisión dos apelidos e o estudo histórico dunha área concreta). Tamén se realiza por primeira vez unha aproximación ao valor simbólico dos apelidos en Galicia. Quérese, en definitiva, con este volume, contribuír ao tratamento lexicográfico dos apelidos e afondar no coñecemento deles no noso territorio.

O acto contou coa presenza da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; do director do ILG, Xosé Luís Regueira; e da editora da publicación, Ana Isabel Boullón Agrelo.