Presentación de FONTEGAM e da nova versión de CODOLGA

Data: 
Monday, April 8, 2024 - 16:45
Imaxe: 

O luns 8 de abril, ás 12:30 h, tivo lugar a presentación de FONTEGAM (Fontes Textuais da Galicia Medieval) e da versión 20 do CODOLGA (Corpus Documentale Latinum Gallaeciae) no salón de actos do Pazo de San Roque. No acto estiveron presentes a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; os investigadores do Instituto José Carracedo Fraga e Xavier Varela Barreiro; o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín Gómez, e Pilar Lorenzo, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH).

Na base de datos FONTEGAM converxen textos latinos e romances e as súas bases nútrense dos textos de dous recursos públicos de dilatada traxectoria, iniciada en ambos os casos na última década do século XX. Os textos latinos son achega do CODOLGA, proxecto dirixido por Carracedo no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e os textos romances son o contributo do Corpus Galego-Portugués Antigo, desenvolvido no ILG baixo a dirección de Varela.