Presentación da edición de "De historia natural y de todo género de erudición. Obra de 660 pliegos", de Martín Sarmiento

Data: 
Monday, November 28, 2022 - 19:00
Imaxe: 

No presente ano 2022 conmemórase o 250 cabodano de Martín Sarmiento (1695-1772), unha das figuras intelectuais máis orixinais e interesantes do século XVIII en España, e o máis importante precursor tanto dos estudos galegos como do pensamento galeguista. Co gallo desta efeméride, o Consello da Cultura Galega culminará a edición da súa obra maior, De historia natural y todo género de erudición. Obra de 660 pliegos, un colosal tratado misceláneo que enche cinco grosos tomos, onde se dan cita unha boa parte dos moi diversos temas que preocuparon ao autor ao longo da súa fecundísima xeira. A publicación desta obra, que permanecía inédita na súa práctica totalidade, dará motivo para a reunión dun conxunto de estudosos da obra sarmentina, no simposio Martín Sarmiento, De historia natural e todo xénero de erudición, que terá lugar os días 28 e 29 de novembro na sede do Consello de Cultura Galega en Santiago de Compostela. Durante o evento, realizarase a presentación da edición de De historia natural y de todo género de erudición. Obra de 660 pliegos, realizada no ILG por un equipo coordinado polo investigador Henrique Monteagudo, e publicada conxuntamente polo Consello da Cultura Galega e o Consello Superior de Investigacións Científicas.