Pesar polo falecemento de David Mackenzie

Data: 
Monday, February 29, 2016 - 14:15
Imaxe: 

O Instituto da Lingua Galega quere manifestar o seu fondo pesar polo falecemento, o pasado venres, do profesor David Mackenzie, profesor emérito do University College Cork e especialista sobranceiro nos dominios da lingüística iberorrománica e, en particular, da lingüística e a literatura galegas. Hai só uns poucos meses, o pasado verán, saía do prelo o volume En memoria de tanto miragre. Estudos dedicados ao profesor David Mackenzie, unha iniciativa do Instituto da Lingua Galega que tiña por obxecto ofrecer un tributo de recoñecemento e gratitude polos servizos prestados polo profesor Mackenzie á lingua e á lingüística galega ao longo de máis de trinta anos.

Este volume víñase a unir a unha longa serie de recoñecementos, comezando pola concesión, en 1994, do Pedrón de Honra. Ese mesmo ano o profesor Mackenzie recibiu tamén o Hispanic Achivement Award no London Hispanic Festival. En 2001 foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega. En 2003 foi declarado membro de honra da Hispanic Society of America, e en 2009 membro de honra da Asociación Internacional de Estudos Galegos. Finalmente, a Xunta de Galicia outorgoulle o Premio da Cultura Galega 2014 na modalidade de Lingua polo seu traballo de difusión internacional da lingua e a literatura galegas.

David Mackenzie naceu o 8 de setembro de 1943 en Sutton-in-Ashfield, Nottinghamshire, Inglaterra. Comezou os seus estudos de lingua e literatura españolas na Universidade de Oxford en 1962, onde obtivo a súa licenciatura no ano 1966. Entre 1970 e 1974 traballou no Department of Printed Books da British Library, e en 1975 acadou o seu grao de doutor (PhD) na Universidade de Nottingham cunha tese titulada A critical edition with linguistic and historical introduction of the «Corónica de Santa Maria de Iria».

Posteriormente foi profesor de lingua e literatura españolas na Universidade do Ulster entre 1974 e 1986. De alí trasladouse á Universidade de Birmingham, onde permaneceu entre 1986 e 1996. Nesta universidade fundou e dirixiu a Cátedra de Estudos Galegos entre 1994 e 1996. A partir de 1996 e ata a súa xubilación foi catedrático e xefe do Department of Hispanic Studies no University College Cork. Aquí creou en 1997 o Irish Centre for Galician Studies.

Por outra banda, David Mackenzie foi colaborador habitual do Hispanic Seminary of Medieval Studies (HSMS), onde tivo un papel decisivo na realización de importantes publicacións e proxectos de investigación de lexicografía do castelán medieval ao longo de varias décadas. Entre eles, foi autor do manual de transcrición de textos medievais usados polo HSMS, que aínda hoxe continúa a ser empregado e resulta unha referencia ineludible para o medievalismo norteamericano e internacional.

Unha vez xubilado, decidiu deixar Cork para vivir en Santiago de Compostela, cidade onde residiu e exerceu coma un compostelán máis ata o seu falecemento a semana pasada.

O Instituto da Lingua Galega lamenta a súa morte e únese á dor da súa familia e achegados. En todos nós perdurará por sempre a lembranza do colega e do amigo.