O Instituto da Lingua Galega e a Fundación Barrié presentan o ALGa dixital

Data: 
Thursday, November 26, 2026 - 13:30
Imaxe: 
O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Barrié presentaron hoxe o ALGa dixital, unha nova ferramenta en liña que traslada ao ámbito dixital os materiais do histórico Atlas Lingüístico Galego (ALGa). No acto de presentación participaron a reitora da USC, Rosa María Crujeiras; a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias; a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; e o director do proxecto, o investigador do ILG Xulio Sousa.
 
A primeira versión desta plataforma pon a disposición do público preto de 900 mapas interactivos de acceso aberto sobre a diversidade da lingua galega, estruturados arredor de tres grandes bloques temáticos: fonética, morfosintaxe e léxico. O recurso non só permite a consulta visual en aberto, senón tamén a descarga directa de todos os datos para facilitar o seu aproveitamento científico e educativo, o que diferencia este recurso doutros similares, en palabras de Sousa.
 
Unha ferramenta flexible e personalizable
O salto ao formato dixital transforma os mapas tradicionais dos volumes impresos nun recurso dinámico adaptado ás necesidades tanto de especialistas coma de persoas curiosas. Entre as súas funcionalidades destacan:
  • Personalización cartográfica: permite seleccionar variantes específicas, activar ou ocultar capas de información e modificar a visualización dos datos para comparar fenómenos lingüísticos.
  • Contextualización xeográfica: integra a localización exacta das localidades investigadas dentro do dominio lingüístico galego, xunto á información complementaria sobre cada fenómeno analizado.
Medio século de investigación e mecenado
O proxecto do Atlas Lingüístico Galego naceu nos anos setenta co obxectivo de documentar a variación xeolingüística do galego rural. Entre 1974 e 1977, un equipo do ILG formado por Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei e Manuel González González percorreu 167 localidades de Galicia, Asturias, León e Zamora, rexistrando a fala de centos de informantes mediante un cuestionario de 2.711 preguntas sobre pronuncia, gramática e vocabulario. A directora do ILG e o responsable do proxecto dedicaron unha mención especial ás persoas informantes que participaron nestas enquisas, cuxos testemuños permitiron construír o arquivo lingüístico que agora se abre á cidadanía a través de Internet. O resultado daquel traballo de campo deu lugar a un arquivo de valor excepcional, publicado en papel na colección Biblioteca Filolóxica Galega grazas ao convenio entre o ILG e a Fundación Barrié, colaboración que se remonta á propia creación do Instituto en 1971, como lembrou Carmen Arias.
 
Impacto na investigación, no ensino e na divulgación
A plataforma nace cunha tripla vocación: facilitar a explotación de datos para a comunidade investigadora, ofrecer un recurso visual innovador para as aulas e achegar á cidadanía a riqueza e a memoria colectiva do patrimonio lingüístico inmaterial galego. En palabras de Fernández Rei: "O ALGa dixital devolve á sociedade galega unha parte do coñecemento que ela mesma fixo posible e responde, así, a unha das prioridades estratéxicas do ILG: proxectar cara ao exterior o coñecemento que xeramos e avanzar cara a unha ciencia cada vez máis aberta e accesible á cidadanía".
 
Coa posta en marcha do ALGa dixital, Galicia sitúase na vangarda internacional das humanidades dixitais e da xeolingüística. “Desde a Universidade de Santiago de Compostela queremos que o coñecemento sexa un ben común”, afirmou Crujeiras, quen incidiu na necesidade de facilitar o acceso aos resultados das investigacións desenvolvidas na institución universitaria.
 
A plataforma nace cunha tripla vocación: facilitar a explotación de datos para a comunidade investigadora, ofrecer un recurso visual innovador para as aulas e achegar á cidadanía a riqueza e a memoria colectiva do patrimonio lingüístico inmaterial galego. En palabras de Fernández Rei: "O ALGa dixital devolve á sociedade galega unha parte do coñecemento que ela mesma fixo posible e responde, así, a unha das prioridades estratéxicas do ILG: proxectar cara ao exterior o coñecemento que xeramos e avanzar cara a unha ciencia cada vez máis aberta e accesible á cidadanía".