III Simposio Norteamericano de Estudos Galegos

Data: 
Thursday, December 21, 2017 - 14:30
Imaxe: 

Do 18 ao 20 de outubro de 2018 celebrarase en Denver, Colorado, o Terceiro Simposio Norteamericano de Estudos Galegos, que leva por título “Os estugos galegos rumbo ao oeste. A lingua e a cultura galegas na encrucillada”, coorganizado pola Regis University, a Metropolitan State University of Denver e o Colorado College.

Este encontro, que pretende continuar o diálogo multidisciplinar iniciado na Universidade de Wisconsin-Milwaukee en 2014 e na Universidade de Michigan-Ann Arbor en 2016, incluirá paneis e presentacións sobre unha gran variedade de temas, entre os que destacan a lingua, a literatura, a cultura e a identidade en situacións de linguas e culturas minorizadas. Ademais, tamén serán temas de interese a lingua galega, a lingüística, a educación, a literatura e as artes, a historia e a política, os estudos de xénero, a tradución, o medio ambiente, a teoría social, a globalización e a migración.

As persoas interesadas en participar neste simposio poden enviar as súas propostas de comunicación (de non máis de 300 palabras) para paneis e presentacións individuais ata o 10 de maio de 2018 aos seguintes enderezos electrónicos: galicianstudies@regis.edu e ocastro@regis.edu. As propostas e presentacións poden realizarse en calquera dos catro idiomas da conferencia: galego, inglés, portugués ou español.