II Xornada sobre Variación e Cambio Lingüístico

Data: 
Friday, June 30, 2023 - 00:00
Imaxe: 

Amplíase ata o 30 de xuño de 2023 o prazo para o envío de propostas de comunicación á II Xornada sobre Variación e Cambio Lingüístico, organizada polo Instituto da Lingua Galega da USC e o Centro de Línguas, Literaturas e Culturas da Universidade de Aveiro. Esta segunda edición, que terá lugar o 9 de outubro na Facultade de Filoloxía da USC, pretende ser un encontro de investigadores e investigadoras para promover e difundir os traballos sobre a variación e o cambio lingüístico nas linguas románicas. Esta segunda edición céntrase no estudo da variación e do cambio lingüístico en espazos urbanos. O propósito fundamental é incentivar o interese pola investigación lingüística, desde distintas perspectivas e con diferentes obxectivos, nas cidades e nos núcleos de concentración de poboación. As propostas poden abordar tanto a variación interlingüística coma intralingüística.

As propostas de comunicacións orais deben concordar co tema do encontro e serán seleccionadas por un proceso de pares cegos. É necesario encher o formulario e envialo a marta.negro@usc.gal. As linguas admitidas son todas as románicas.

As dúas conferencias xunto ás comunicacións presentadas serán publicadas na revista Estudos de Lingüística Galega, tras superar o proceso de revisión establecido pola publicación.