Constitución do Foro Social do ILG

Data: 
Tuesday, July 2, 2024 - 16:30
Imaxe: 

O 2 de xullo pola tarde quedou constituído o Foro Social do ILG, conformado por 12 membros de distintas institucións públicas e privadas do ámbito educativo, cultural, editorial, empresarial, dos medios de comunicación, da investigación etc. Os seus principais cometidos son debater as tendencias e cambios nas demandas sociais que resulten de interese para o desenvolvemento das actividades de investigación, difusión e transferencia do Instituto, prestar apoio na elaboración e implantación dos plans estratéxicos do centro e trasladar á sociedade información sobre o Instituto co fin de que acade unha maior proxección na súa contorna.

Na reunión, presidida por Elisa Fernández Rei, directora do ILG, participaron María Álvarez de la Granja, secretaria do Instituto; o secretario da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Xosé Barato; a secretaria do Centro de Innovación Educativa e Dixital-CIEDIX, Lorena Barbeito Barciela; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes-CiTIUS, Senén Barro Ameneiro; a presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua-CTNL, Mónica Fernández Valencia; a profesora de Lingua Galega e Literatura no IES do Milladoiro, Valentina Formoso Gosende; o científico do Instituto de Ciencias do Patrimonio-Incipit do CSIC, César González Pérez; a vicepresidenta da Asociación Galega de Editoras, Ana María Guerra Cañizo; o membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia-CPXG Ramón Paz González; a responsable da oficina de I+D+i de Balidea, María del Carmen López Pérez; o responsable da área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Xusto Rodríguez Río; a alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, e a creadora de contidos para redes sociais Sara Seco Rial.

Agradecémoslles a todas e todos eles que aceptaran o noso convite.