Comezan os Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras"
O Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega retomaron onte a celebración dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, despois de tres anos de interrupción por mor da pandemia de coronavirus, que organizan co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Na inauguración da nova edición interviñeron o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; o académico e membro do Instituto da Lingua Galega Henrique Monteagudo, que codirixe os cursos xunto á tamén académica e profesora da USC María López Sández; a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, M.ª del Pilar Murias Fernández; a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Nesta trixésimo terceira edición participarán ata o 24 de xullo preto de medio cento de estudantes procedentes dos Estados Unidos, da Arxentina, do Reino Unido, do Brasil, da India, da China, Finlandia, Francia, Países Baixos, Italia, Ecuador, Cuba, Polonia, Alemaña, Rusia, Suíza, Austria, Chequia e México, así como doutras comunidades autónomas. Súmanse aos máis de dous mil cincocentos que dende 1988 pasaron polas aulas duns cursos que contribúen a espallar a lingua e a cultura de noso por todo o mundo.
O alumnado gozará durante tres semanas dunha experiencia de inmersión lingüística e social en Galicia ao tempo que acode a clases e seminarios organizados por niveis. A oferta complétase con visitas e outras actividades que ofrecen unha aproximación á realidade do país dende distintas perspectivas, da literaria e lingüística á musical á artística e paisaxística.