Aberto o prazo de preinscrición para a XXXVI edición de 'Galego sen fronteiras'

Data: 
Monday, April 6, 2026 - 23:45
Imaxe: 

Os cursos de verán de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras celebrarán a súa XXXVI edición do 3 ao 24 de xullo de 2026 en Santiago de Compostela. O prazo de preinscrición abre hoxe e permanecerá dispoñible ata o 6 de abril para todas as persoas de fóra de Galicia interesadas en participar.

Organizados pola Real Academia Galega e polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, estes cursos ofrecen unha experiencia completa de inmersión na lingua e na cultura galegas destinada a alumnado internacional e doutras comunidades autónomas.

Baixo a dirección de María López-Sández e a secretaría de María Álvarez de la Granja, ambas as dúas investigadoras do ILG, o programa inclúe clases teóricas e prácticas, obradoiros, excursións e relatorios de persoas convidadas que desenvolven o seu labor en lingua galega. A formación estrutúrase en tres niveis —elemental, intermedio e superior—, co obxectivo de facilitar o acceso ao galego tanto a quen se inicia na lingua coma a quen desexa afondar nos seus estudos lingüísticos e literarios.

Desde a súa creación en 1988, Galego sen fronteiras converteuse nun espazo de referencia para a proxección internacional do idioma e da cultura galegas, formando estudantes de múltiples países que hoxe exercen como docentes, investigadores, tradutores ou creadores culturais. Esta traxectoria foi recoñecida cos Premios da Cultura Galega 2023, na modalidade de proxección exterior.

Descargas: