O Proxecto Nós impulsa en Santiago de Compostela o gran polo atlántico de Tecnoloxías da Linguaxe e IA con Portugal

Data: 
Friday, March 13, 2026 - 18:00
Imaxe: 

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu o II Encontro Luso-Galaico de Procesamento da Linguaxe Natural (PLN). Tras o éxito da primeira edición, que tivo lugar no Porto en xuño de 2024, este segundo encontro consolídase como un espazo fundamental para o fortalecemento das relacións de cooperación en intelixencia artificial aplicada á lingua entre Galicia e Portugal.

Galicia, punto de encontro natural entre o mundo hispanoamericano e lusófono, fortalece este vínculo. Tal e como destacaba o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC, Senén Barro, «é tempo de revitalizar a cooperación académica con Portugal no mundo da intelixencia artificial, transformándoa nunha vantaxe estratéxica que constrúa un verdadeiro espazo galego-portugués de investigación e innovación».

O encontro, liderado polo Proxecto Nós -unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia e a USC-, e promovido no marco do proxecto ALIA impulsado polo Goberno de España, reuniu profesionais do mundo da investigación e da empresa con outras organizacións implicadas no desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas para o galego-portugués. Trátase dunha clara aposta por posicionar a faixa atlántica da Península Ibérica como un polo de excelencia na aplicación da intelixencia artificial ás linguas, nun momento no que as tecnoloxías da linguaxe se erixen como o principal motor da IA e das súas aplicacións sociais e económicas. Por tanto, a meta é a creación de novas oportunidades comerciais, empresariais e de investigación entre Galicia e Portugal, non só para o portugués e o galego, senón tamén para o conxunto de linguas do territorio: castelán, éuscaro e catalán. 

Os obxectivos principais do II Encontro Luso-Galaico de PLN centráronse na creación dun espazo dinámico para presentar investigacións, proxectos e produtos desenvolvidos neste ámbito. O encontro serviu tamén para promover a xénese de redes estables entre grupos de investigación, centros tecnolóxicos e empresas, así como para detectar posibles iniciativas que permitan elaborar propostas conxuntas para programas europeos como Horizon Europe, Interreg ou Digital Europe, ao tempo que impulsa a colaboración público-privada no sector das tecnoloxías da linguaxe. 

Un encontro no marco de ALIA

A segunda edición do encontro enmárcase en ALIA, unha iniciativa do Goberno de España pioneira na Unión Europea que busca dotar o país dunha infraestrutura pública de recursos de intelixencia artificial, con especial atención ao desenvolvemento de recursos tecnolóxicos para as linguas do Estado, cun claro compromiso coa IA aberta, confiable e polo ben común.

O programa, que contou co apoio institucional da Universidade de Santiago de Compostela, da Xunta de Galicia, da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial e do Instituto Camões, incluíu conferencias, sesións técnicas e mesas redondas. Entre os temas destacados están os avances en modelos de linguaxe adaptados ao galego-portugués, transfer learning, tecnoloxías da fala, aplicacións na industria e na administración pública, e o impacto do PLN na educación, na sociedade e na cultura.

A conferencia inaugural correu a cargo de Senén Barro Ameneiro (director do CiTIUS) e Rui Sousa Silva (CLUP - NORTE IA+). Posteriormente interviñeron especialistas das Universidades de Santiago de Compostela, Porto, Évora, Coímbra e Beira Interior, así como de empresas e startups de referencia nos dous países, como Imaxin, Priberam, Balidea, Dimensiona, Serenia, DOKKEN ou Innovationpoint. Por outra banda, estiveron presentes os directores dos dous supercomputadores atlánticos sediados en Santiago de Compostela (CESGA) e en Guimarães (Deucalion).

Proxecto Nós

Proxecto Nós é unha iniciativa para situar o galego canda as linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e da intelixencia artificial. O seu obxectivo principal é xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos baseados na tecnoloxía da lingua como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais.

En paralelo, o proxecto promove tamén a presenza dixital do galego, mediante a creación dunha ampla variedade de ferramentas e de recursos de alta calidade e de uso libre. Algunhas delas (un tradutor neuronal multilingüe, un recoñecedor de voz que converte fala en texto escrito, unha aplicación de síntese de voz que le en galego e un RAG) están accesibles de xeito totalmente libre a través do web do proxecto, a disposición de calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore a lingua galega. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, tamén se contribúe á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen o galego.

O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia, que encomendou a súa execución á Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través de dúas entidades punteiras de investigación en tecnoloxías da linguaxe e intelixencia artificial: o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Anteriormente contou co financiamento do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública con fondos da Unión Europea-NextGenerationEU, no marco do proxecto ILENIA, e agora intégrase no proxecto ALIA liderado pola Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial.