O Instituto da Lingua Galega da USC recibirá preto de 300.000 euros da Xunta para continuar coa súa actividade científica

Data: 
Thursday, October 6, 2011 - 01:30
Imaxe: 
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, asinaron este mércores un convenio de colaboración que permitirá ao Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC continuar avanzando no desenvolvemento da súa actividade científica. Para tal fin a Consellaría achega 269.645 euros a repartir en dúas anualidades.
Ademais dos proxectos nos que a Xunta xa viña colaborando co ILG, o convenio asinado hoxe inclúe unha nova iniciativa: a elaboración e edición dos materiais galegos para o Atlas Lingüístico da Península Ibérica (ALPI), que levará a cabo en colaboración cun equipo internacional de investigadores coordinado desde o Centro de Ciencias Humanas e Sociais do Consello Superior de Investigacións Científicas. Os traballos ligados a este proxecto inclúen, entre outros, labores de dixitalización e clasificación dos materiais, transcrición fonética, incorporación de recursos gráficos e traballos de deseño da aplicación de consulta e da aplicación cartográfica de representación do ALPI.
A colaboración da Xunta co desenvolvemento do ALPI compleméntase co apoio a proxectos punteiros nos que o ILG vén traballando desde hai anos como o Atlas Lingüístico Galego (ALGa). Así, elaboraranse novos volumes deste atlas e daráselles continuidade aos traballos de corrección e mantemento da base de datos informática do proxecto.
Recollida de novos textos orais
O proxecto do Arquivo do Galego Oral (AGO) do ILG tamén recibirá un novo impulso, grazas aos traballos de dixitalización, catalogación e etiquetaxe dos fondos orais que se levarán a cabo entre este ano e o 2012. Tamén se recollerán textos orais dos poucos concellos dos que aínda non se ten documentación, así como gravacións nalgúns puntos do galego estremeiro.
A actualización da base de datos lexicográfica e o mantemento do Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG) tamén están incluídos no acordo, de maneira que, entre outras accións, está prevista a incorporación ao Dicionario de dicionarios das dúas edicións de Leandro Carré Alvarellos que faltaban: a segunda, de 1933, e mais a terceira, de 1955, con 20.000 e 25.000 entradas, respectivamente.
Iniciativas sobre o estudo do galego medieval
Finalmente, o ILG acometerá novos traballos centrados no estudo do galego medieval para, entre outras iniciativas, impulsar a edición da colección diplomática de documentos galegos medievais do mosteiro cisterciense de Santa María de Oia (Pontevedra), continuar con labores de mantemento do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG) e poder presentar, en 2012, a Biblioteca dixital da Galicia Medieval (BGM).