Investigadores do Instituto da Lingua Galega da USC coordinan un proxecto internacional para creación dun tesouro de léxico patrimonial

Data: 
Saturday, April 20, 2013 - 17:30

O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) colabora con centros de investigación de universidades portuguesas e brasileiras na creación dun tesouro léxico que permitirá obter información sobre o significado, uso e distribución xeográfica de voces patrimoniais de galego, portugués europeo e portugués do Brasil.

 

No proxecto internacional ‘Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués’, que promoven e coordinan investigadores do ILG, colaboran expertos de dúas universidades portugueses (Universidade de Lisboa e Universidade de Coimbra) e de trece brasileiras (Federal do Rio de Janeiro, Estadual de São Paulo, Bandeirante de São Paulo, Federal de Mato Grosso do Sul, Federal de Mato Grosso, Estadual de Londrina, Federal de Santa Catarina, Estadual do Ceará, Federal da Paraíba, do Estado do Rio Grande do Norte, Federal do Maranhão, Federal do Piauí e a Federal do Pará).

 

A finalidade é crear unha gran base de datos, en acceso libre a través de Internet, con toda a información lexicográfica organizada por lemas, variantes e campos semánticos. A base permitirá coñecer o significado das formas, as variantes fonética e morfolóxicas existentes nos tres territorios e todos os lemas rexistrados para expresar un concepto.

 

A consulta permitirá non só localizar os lemas e variantes nas distintas fontes, senón obter fielmente en pantalla toda a información bibliográfica e lexicográfica contida nas obras orixinais: autor, título, data, páxina,...; formas, categorías, definicións, localización, etnografía, imaxes, usos, fraseoloxía ou prexuízos lingüísticos. A presentación permitirá tamén coñecer a distribución xeográfica das variantes e dos lemas seleccionados por medio dunha representación cartográfica de Galicia, Portugal e Brasil.

 

O proxecto ‘Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués’ pretende integrar nun único banco de datos informático materiais lexicográficos con referenciación xeográfica procedentes de distintas fontes: corpora obtidos en traballos de campo, materiais dispersos en obras dialectais ou vocabularios de falas, entre outros. Moitos destes materiais están inéditos e por iso son dificilmente accesibles para a comunidade científica.

 

A coordinadora xeral do proxecto é a profesora da USC e directora do ILG Rosario Álvarez. Os tres equipos participantes están coordinados por João Saramago (Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa), Silvia Figueiredo Brandão (Universidade Federal do Rio de Janeiro) e Xulio Sousa (ILG-USC.).O equipo galego conseguiu financiamento do MICINN para o período 2010-12 que se dirixirá á contribución galega dentro do proxecto xeral, concretada como “Banco de datos electrónico (corpus galego) e cartografía automática”.