Criterios de transcrición

A liña de transcrición principal do repositorio CORILGA é a ortográfica (ORT), á que acompañan outras liñas con diferentes anotacións (lema, palabra) e etiquetas morfosintáticas.

As transcricións da liña ortográfica están realizadas seguindo criterios habituais nas transcricións de lingua oral para análise do discurso e da conversa. Por tanto, séguese a representación escrita establecida na normativa ortográfica e preséntase unha transcrición fiel do texto oral, mais, para facilitar a recuperación de información, evítanse as variantes ocasionais que aparecen na lingua falada, que levarían a unha variación moi ampla das formas representadas. As pronuncias concretas de cada forma aparecerán son recuperables a partir do audio de cada exemplo.

Séguense, por tanto, as convencións da representación ortográfica habitual, mais con algunhas particularidades:

  • Represéntanse sempre os chamados “grupos_cultos”, aínda que na pronuncia se suprima a oclusiva en final de sílaba ou sexa substituída por unha fricativa, ou a pesar de que se simplifique o grupo consonántico: tractor, eucalipto, instituto...
  • Utilízanse as maiúsculas para os nomes propios: (Antonio chegou a Lugo).
  • Ao tratarse de lingua falada, non se utilizan os signos de puntuación (punto, coma, punto e coma, dous puntos), senón indicadores de pausa breve (|) e pausa prolongada (‖). Nas pausas prolongadas durante o discurso indícase a duración en segundos.
  • Por razóns de claridade na segmentación de frases, empréganse os signos inicial e final para indicar entoación interrogativa (¿Que queres?) e exclamativa (¡Home, xaora!).
  • A acentuación é regular segundo a normativa ortográfica, mais si se indican as variacións na colocación do acento (¡hostiá! ou ¡hombré!).
  • Non se traducen fragmentos de linguas diferentes ao galego nin tampouco se usa unha tipo de letra diferente. As palabras ou os fragmentos noutras linguas transcríbense coa ortografía da lingua orixinal, sen adaptalas á escrita do galego.
  • Non se marcan de maneira diferenciada pronuncias que poden estar representadas pola ortografía corrente, como:
    • seseo e gheada
    • variantes de pronuncia como o rotacismo (*ar nenas, *derde), a aspiración de –s (*mihmo, *treh cadelas), a despalatalización de x (*sa, *disen), a palatalización de –s (*casax), a harmonización vocálica (*cuciña, *viciño) nin outras variacións semellantes de timbres vocálicos (*millor, *antre, *somana).
    • as contraccións ou elisións que se producen nos límites de palabra por contacto de vogais: *tiñ[ɔ]nha cousa, *collér[aː], *car[aː]baixo > tiña unha cousa, colléraa, cara a abaixo etc.
  • Represéntanse, por contra, aquelas formas que non son realizacións ocasionais e que responden a formas consolidadas na fala de que se trate, como:
    • formas xerais ou sistemáticas na variedade lingüística que se transcribe: muito, atrais...
    • variantes morfolóxicas: canciós, animás, normales, parteu, colliu, fixéchedes...
    • variantes léxicas: probe/pobre, torbón/trobón, algázaro/argazo, alcolito/eucalipto, beillar/bailar...
    • variantes fonolóxicas que aparecen de maneira xeral ou frecuente, coma a redución dos ditongos en posición final en palabras como máis/más, despois/despós...;
    • variantes de preposicións e conxuncións coma anque, inda, endesde, entoas, entonzas entre outras, así coma a preposición pra/pa, coas súas contraccións: prá(s), pró(s), pá(s), pó(s).
    • formas reducidas como e ló?, así coma as terminacións en –ao (furao, prao),–edá (verdá), e tamén –é (paré) nalgunhas falas occidentais.
    • a forma especial da conxunción copulativa diante de vogal en casos coma i-o outro, i-a miña, i-este...
    • o aitihiático, separado po un signo =: "a i=alma", pra i=outro
    • a forma especial, semivocálica, da conxunción e diante de vogal, habitual en moitas variedades faladas: este i-aquel, o pai i-a nai.

Atendendo aos criterios anteriores e tamén á funcionalidade para a recuperación de información, adóptanse as seguintes solucións, a pesar de que nalgúns casos se desvían da representación ortográfica habitual:

  • os clíticos pronominais represéntanse separados por un +: fála+me, déixa+me+lle, achegóu+se+nos, fun po+lo ver, cantou+na...
  • os alomorfos +no(s), +na(s) do artigo ou do clítico persoal tamén se representan separados con +; neste caso mantense a forma gráfica da palabra anterior, aínda que non corresponda coa segmentación morfolóxica: non+os vin, tamén+o viu, collen+o tren, víron+as.
  • as formas reducidas no(s) e na(s), cando son resultado de non+o(s) non+a(s), represéntanse coa forma non contraída non+o e non+a.
  • os alomorfos –la(s), –lo(s) do artigo tamén se representan (sempre que sexan pronunciados) separados por un trazo: colle-lo martelo, colle-los zapatos, eu e mai-lo outro, tra-la casa, po-lo río abaixo...
  • tamén se representa separada por trazo a vogal paragóxica –e, coma en facer-e, muller-e, eu-e, tamén-e.

As transcricións do CORILGA fixéronse seguindo as convencións habituais dos estudos de análise de conversa, na que se marcan algúns aspectos que non se reflicten na ortografía xeral. Como para levar a cabo estudos de análise do discuros ou de análise da conversa é necesario utilizar os textos completos ou, cando menos, fragmentos máis extensos dos que devolve o buscador deste corpus (que está deseñado para o estudo da variación e a mudanza ligüística), os signos que se utilizan para marcar estas informacións non están indexados e, por tanto, non se poden utilizar para realizar buscas. Non obstante, aparecen nos resultados da liña ortográfica, polo que convén coñecer a información que transmiten:

  1. Signos relativos ás quendas de palabra:
    • &
    • Continuación da quenda de palabra.
    • %
    • Rapidez na sucesión das quendas de palabra.
    • [texto afectado]
    • Solapamento.
  2. Signos prosódicos:
    • : :: :::
    • Alongamento dun son.
    • texto afect#
    • Corte abrupto no medio dunha palabra.
    • TEXTO AFECTADO
    • Énfase.
  3. Interxeccións, onomatopeas e elementos paralingüísticos
    • {<valor> expresión}
    • Ex.: {<asentimento> ahá}
    • (descrición do fenómeno)
    • Non simultáneos con elementos verbais. Ex. (risas)
    • {(fenómeno) texto afectado}
    • Simultáneos con elementos verbais. Ex.: {(risas) ¡eu tamén!}
  4. Outros fenómenos
    • {<incomprensíbel>}
    • Fragmentos incomprensíbeis.
    • {<incerto> texto afectado}
    • Suposicións ou fragmentos incertos.
    • Outros comentarios da transcricón aparecen representados entre ángulos <>.