Portal de ditados tópicos galegos

USC. Instituto da Lingua Galega

Materiais galegos para o Diccionario geográfico popular de España (Camilo José Cela)

O escritor iriense Camilo José Cela tivo sempre grande interese pola cultura popular, cuxas manifestacións se filtraron continuamente na súa obra literaria. Foille especialmente querido o estudo da relación entre esta cultura do pobo e a xeografía, froito do cal xurdiran os seus recoñecidos escritos e libros de viaxe, como Viaje a la Alcarria (1948) ou Del Miño al Bidasoa. Notas de un vagabundaje (1952), que ten Santiago de Compostela como punto de partida. Un aspecto particular dese interese constituírono o que tradicionalmente se denomina ditados tópicos, isto é, xentilicios, seudoxentilicios (alcumes) e mais refráns e cantigas referidas a algunha localidade ou ós seus poboadores. En palabras do propio Cela, “la más desnuda y frágil huella del hombre, su voz nombrando o no más que aludiendo al otro hombre que ve y a su paisaje doméstico y familiar” (DGP: 17).

Para atender este campo de estudo, Cela emprendeu un ambicioso proxecto, a redacción dun Diccionario geográfico popular de España que dese conta, en 19 volumes, de toda a información deste tipo referida ó territorio español. Esta obra recompilaría material xa publicado en innúmeros refraneiros e traballos monográficos (Correas, Fernández Oxea, Martínez Kleiser, Rodríguez Marín, Rodríguez-Moñino, Vergara, etc.), mais contemplaría tamén recollas sobre o terreo. Estas foron dirixidas, inicialmente, polo propio Cela, con colaboracións esporádicas, como a do seu fillo, que cubriu varias localidades madrileñas. É evidente que ese inmenso traballo de campo non podía ser realizado polo pluriempregado escritor, así que recorreu á colaboración dunha entidade que lle era ben querida, Correos, unha alianza que lle garantía tamén unha rede capilar que cubría toda España, incluso as aldeas máis remotas. A comezos de 1971 enviou ás Xefaturas, para o seu reparto entre os carteiros, máis de 25000 enquisas en que pedía información sobre ditados tópicos das localidades que servían ou doutras lindeiras (obviamente, o enxeño popular é máis agudo cando se trata de falar do veciño).

Cela seguiu traballando arreo neste tema. De feito, foi designado, por nomeamento directo, catedrático de universidade de Literatura e Xeografía Populares en Palma de Mallorca, cargo que exerceu desde xullo de 1980 ata a súa xubilación, por idade, no ano 1986. Alí impartiu cursos de doutoramento, con frecuencia na súa propia casa, que consideraba mellor dotada cá biblioteca universitaria. Con posterioridade ó seu retiro, co-dirixiu incluso dúas teses de doutoramento de ditadoloxía tópica.

Porén, do Diccionario geográfico popular de España só chegou a ver a luz o primeiro volume, no ano 1998 [1] [2], un tomo dedicado a consideracións xerais e ós ditados tópicos referidos a España ou ós españois no seu conxunto (como aquel que ditamina, dada a elevación de Madrid sobre o nivel do mar, que El trono del rey de España es el primero después del de Dios). Interesa recuperar, porque case 15 anos despois inda teñen plena vixencia certas estratexias do nacionalismo español, a seguinte anotación:

Hay no pocos topónimos españoles no castellanos, que en español corrieron muy desgraciado camino y, contra su dolorosa evidencia arbitraria o malsonante y en defensa de nuestra común cultura y de nuestra pluralidad, saludable pero también difícil de asimilar y administrar, quisiéramos restablecer hasta donde nos fuere posible su forma pertinente. [...] Con el gallego [...] la nómina de los gratuitos desafueros cometidos contra su integridad, pudiera hacerse interminable; vayan un par de botones de muestra, suficientes en su extraña conducta: los híbridos Puenteareas (al que los forasteros suelen sumarle confusión llamándole Puenteáreas) y Puentedeume, que deberían haber formado Ponteareas y Pontedeume —o Pontesdeume, como prefiere decir Otero Pedrayo— o el extraño Sangenjo (San Xenxo, San Ginés, advocación de la parroquia en la que se residencia el ayuntamiento) que resulta impronunciable para los sangenjinos [...]. En España hay tres lenguas románicas y una de misterioso origen que, si de pretensiones y alturas mayores o menores, son igualmente válidas o naturales, cualquiera de ellas con relación a las otras; quizá no fuera demasiado pedir a los españoles un mínimo amor y un cierto respeto a las grafías y a los sonidos que, ajenos a su propia lengua familiar, tampoco son por eso menos necesarios, útiles y evidentes. (DGP 46-47).

            As fichas galegas inéditas, xunto coas dos outros territorios, consérvanse na Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia (Padrón). Conforman un corpus de cerca de 1800 fichas, das que unha cuarta parte está en branco ou non contén información relevante para o noso proxecto. As restantes fichas, un total de 1212, foron dixitalizadas e transcritas e o seu contido (un total de 3922 formas de diferente tipo) foi baleirado e transferido a unha base de datos etiquetada, cerne deste noso portal web. As fichas e a súa transcrición están dispoñibles na pantalla de recuperación de resultados. Ofrecemos aquí unha selección para amosar a estrutura e a diversidade de formatos do material:

            [ficha1]            [ficha2]            [ficha3]            [ficha4]

Ademais disto, consérvanse diferentes materiais de interese. Moitos forman parte da correspondencia de Camilo José Cela cos carteiros e administradores de correos:

[correspondencia co Admin. de Correos do Barco de Valdeorras]   [correspondencia co Admin. de Correos de Guitiriz]

Noutros casos, os menos, a correspondencia mantense con cregos ou con eruditos locais das distintas zonas:

[correspondencia con J. Trapero Pardo 1]  [correspondencia con J. Trapero Pardo 2] [carta do párroco de Bastavales]

Por último, hai diferentes reportaxes e informacións tiradas de revistas e xornais:

[Terra chá. Revista do Centro Gallego de Buenos Aires, nº 578, marzo-abril 1971] [ABC "De Santiago a Finisterre" (2/9/1971)]

[Pontevedra, La España de cada provincia (1965), atención, 10'8 Mb]

Última actualización: 18/07/11
© 2018 Instituto da Lingua Galega - USC
Coa colaboración da Fundación Camilo José Cela