• Imprimir
PARA QUE SERVEN OS DATOS LINGÜÍSTICOS?

 

Data: Xoves, 29 de novembro de 2018

Presentación:

A Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e a Rede de Investigación Galega TecAnDaLi (Tecnoloxías e Análise dos Datos Lingüísticos: http://ilg.usc.es/tecandali/) organizan unha xornada conxunta para analizar para que serven os datos lingüísticos.

Pero, que é TecAnDaLi? Trátase do acrónimo de Tecnoloxía e Análise de Datos Lingüísticos, unha rede conformada por sete grupos de investigación do Sistema Universitario Galego: tres grupos de humanidades (o grupo coordinador, Filoloxía e Lingüística Galega [FILGA], integrado no Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela; Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega [TALG], Universidade de Vigo; Gramática, Discurso e Sociedade [GRADES], Universidade de Vigo); dous grupos de enxeñaría informática (Grupo de Sistemas Intelixentes [GSI], CITIUS, Universidade de Santiago de Compostela; Gráficos por Computador e Enxeñaría de Datos [COGRADE, GI-2116], CITIUS, Universidade de Santiago de Compostela); un grupo de enxeñaría de telecomunicacións (Grupo de Tecnoloxías Multimedia [GTM], Universidade de Vigo) e outro grupo de estatística (Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións [MODESTYA], Universidade de Santiago de Compostela).

TECANDALI é, pois, unha rede interdisciplinaria cuxa investigación está relacionada coas tecnoloxías da linguaxe e as humanidades dixitais. A lingua traballada pola rede é o galego, maioritariamente, pero tamén o castelán e a linguaxe de signos española. Especializada no tratamento informático e estatístico de datos lingüísticos, o seu labor implica unha modernización na investigación sobre as humanidades, en xeral, e a lingua galega, en particular, que quedan asociadas ás tecnoloxías e aplicacións estatísticas máis innovadoras.

Preténdese mostrar como é posible que grupos de humanidades, enxeñaría e estatística, provenientes de tradicións investigadoras moi diferentes, mesmo de marcos científicos aparentemente separados, como as ciencias e as letras, poden colaborar de xeito produtivo para todas as partes. O nexo de unión entre lingüistas, filólogos, enxeñeiros e estatísticos son precisamente os datos lingüísticos: datos fonéticos, datos onomásticos, datos dialectais, etc.

A xornada procura responder á pregunta de para que serven estes datos lingüísticos e para iso ten dous obxectivos específicos: presentar á sociedade algúns logros de investigación sobre datos lingüísticos e solicitar desta mesma sociedade, de investigadores doutros ramos, de xornalistas ou profesionais de diverso tipo, reflexións que conduzan a novos retos investigadores sobre datos lingüísticos: que máis podemos aprender se analizamos datos lingüísticos coas ferramentas máis innovadoras?, que novos logros ou beneficios poderiamos buscar para ofrecerlle á sociedade que financia a investigación?

Programa: http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_ac_2018_xornada_tecandali_def.pdf

Inscrición: 

A inscrición é gratuíta. 

O número de prazas é limitado (100 persoas). As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. 

Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada e para obter o diploma é preciso asistir ao 75 % das sesións.

http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200743

Lugar:

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

 

Máis información: 

www.consellodacultura.gal 

Esta dirección de correo electrónico está protegida contra spambots. Usted necesita tener Javascript activado para poder verla.  

Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal/mediateca