ORGANIZA:
XUNTA DE GALICIA
SECRETARÍA XERAL DEL POLÍTICA LINGÜÍSTICA
INSTITUTO DA LINGUA GALEGA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO
REAL ACADEMIA GALEGA
Director: Francisco Fernández Rei
Secretaria: Malores Villanueva Gesteira
A lingua e o territorio
O galego é a lingua propia de Galicia, un territorio situado ao NO da Península Ibérica. Fálase nas catro provincias que compoñen esta comunidade autónoma, así como nos territorios limítrofes das provincias de Asturias, León e Zamora. Dos case 3.000.000 de habitantes, hai máis de 2.000.000 que usan habitualmente o galego, aos que cómpre engadir case 1.000.000 de emigrantes dispersos por toda a Europa occidental, os EE.UU. e América do Sur. En Galicia tamén se fala o castelán, lingua que se foi introducindo ao longo da historia, e tivo ao seu favor o carácter oficial e o prestixio social. Na actualidade as dúas linguas son coñecidas pola inmensa maioría da poboación e o galego, lingua maioritaria, atópase nun proceso avanzado de normalización.
A situación legal da lingua galega
- - O galego é lingua propia de Galicia.
- - O galego é lingua oficial na Comunidade Autónoma de Galicia desde 1981, o mesmo ca o castelán.
- - Os poderes públicos teñen o deber de favorecer o coñecemento e utilización do galego.
- - Todos os cidadáns galegos teñen o dereito de coñecer e de empregar o galego en todos os ámbitos da vida pública.
- - O ensino do galego e do castelán é obrigatorio en todos os centros escolares.
Santiago de Compostela
Santiago de Compostela é a capital de Galicia, e atópase situada aproximadamente no centro do seu territorio.
O carácter do núcleo urbano de Santiago está marcado polo feito, metade histórico, metade mítico-relixioso do descubrimento do sartego do Apóstolo Santiago e o culto subseguinte creado ao seu redor.
O monumento por antonomasia da cidade é a súa catedral. De estrutura románica, atópase moi modificada por reformas posteriores, especialmente barrocas e neoclásicas. O Pórtico da Gloria, a fachada das Praterías e a do Obradoiro, sobresaen dentro do conxunto, así como as prazas que a rodean.
Na zona antiga da cidade hai outros monumentos importantes: Pazo de Xelmírez; mosteiros de San Martiño Pinario e San Paio de Antealtares; conventos de San Francisco, Santa Clara, A Nosa Señora das Mercedes e San Domingos de Bonaval (con dous museos no seu interior); colexios de Fonseca e de San Xerome (este último, actual sede do reitorado da Universidade de Santiago); Hospital Real, hoxe hotel, construído para atención dos peregrinos que acudían a Compostela.
A disposición medieval da zona vella está aínda ben diferenciada da zona moderna na que se produciu un crecemento incontrolado da cidade.
Santiago está ben comunicada co resto de Galicia, tanto por estrada coma por ferrocarril. As praias máis próximas atópanse a uns trinta minutos en automóbil.
Actividades dos cursos
O fin primordial dos Cursos será darlle ao alumnado a oportunidade de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia. Amais das clases teóricas e prácticas de lingua, están programadas leccións sobre literatura, historia, xeografía, arte, etc., de Galicia, así como excursións e visitas a lugares de principal interese cultural e paisaxístico.
Dentro dos cursos haberá distintos niveis:
- Un nivel elemental, de iniciación á lingua para quen desexe introducirse no seu coñecemento. O alumnado deste nivel distribuirase en dous grupos segundo o grao de comprensión da lingua, previa a realización dunha proba.
- Un nivel medio, destinado a quen xa realizou o curso elemental ou que posúa un coñecemento básico do idioma, previa realización dunha proba.
- Un curso superior de Filoloxía Galega para quen cursou o nivel medio ou acredite un bo dominio do galego.
Viaxe e aloxamento
Santiago de Compostela ten un aeroporto internacional, a dez quilómetros da cidade. Ademais, conta cunha estación de ferrocarril e outra de autobús que comunican a cidade con diferentes puntos de España e Portugal.
Sen ningún compromiso, a secretaría dos Cursos facilita unha listaxe de aloxamentos en Santiago a aqueles alumnos que a soliciten.
Inscrición
Poderanse inscribir todas as persoas que o desexen, unicamente se esixe ter cumpridos 18 anos e que a ficha de inscrición e a documentación requirida no caso de petición de bolsa estea na Secretaría dos Cursos antes do 1º de maio.
Bolsas
A organización dos Cursos dispón de varias bolsas, por importe de 450 euros cada unha, cantidade que se considera suficiente para a estancia en Santiago durante o período de duración do curso. Os bolseiros e bolseiras estarán ademais exentos do pagamento da matrícula.
O candidato ou candidata debe enviar por correo postal á Secretaría dos Cursos a ficha de inscrición, o seu curriculum vitae e unha carta de presentación dun profesor ou profesora de Universidade, así como toda a documentación que considere de interese. A carta de presentación achegada debe ser a orixinal. Antes do 1º de maio debe enviarse toda a documentación por correo postal, con independencia de que á vez se faga chegar por internet.
Matrícula
Unha vez rematado o prazo de inscrición a organización dos cursos outorgará as bolsas. Comunicarase o resultado a cada estudante por correo electrónico e por correo postal. No prazo que se indique na comunicación a persoa que reciba a bolsa deberá ingresar na conta dos cursos 40 euros en concepto de reserva de matrícula, importe que se lle devolverá no momento en que comecen os cursos. De se produciren renuncias serán os suplentes os beneficiarios das mesmas.
Aquelas persoas que non solicitaron bolsa ou ás que non lle foi concedida tamén recibirán unha notificación por correo electrónico e postal na que se indicará o prazo que teñen para ingresar os 40 euros de reserva de matrícula. O importe total é de 200 euros, e nel están incluídos o dereito a clases, material didáctico, excursión, certificados, etc. Os 160 euros restantes terán que ingresarse antes do 30 de xuño.
O importe de 40 euros en concepto de reserva de matrícula (ou ben o resto da matrícula) debe realizarse nas datas indicadas á conta núm. IBAN ES17 2091 0319 2830 4001 6081, de Caixa Galicia (Cód. SWIFT: CAGLESMMXXX), r. Orfas,4, Santiago de Compostela, facendo constar “Cursos de galego” e o nome e apelido(s) do remitente.
Recepción
A recepción do alumnado farase o 2 de xullo na Secretaría dos Cursos en horario de 10.00 a 14.00 horas. Ese día entregarase individualmente o horario e material do curso eresolveranse as cuestións de pagamento ou aboamento.
O enderezo da Secretaría é:
Secretaría de Cursos de Galego para Estranxeiros
Instituto da Lingua Galega (USC)
Praza da Universidade, 4
15703 Santiago de Compostela
(España)
ilgcurso@usc.es
TARXETA DE INSCRICIÓN
|