CARTOGRAFÍA DOS APELIDOS DE GALICIA

USC. Instituto da Lingua Galega

Galego | English

Exemplos: lopez | lop* | lop?

PROXECTO

A Cartografía dos apelidos de Galicia (CAG) é un proxecto do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela que ten como finalidade ofrecerlles ós usuarios unha ferramenta de investigación para poderen coñecer a difusión territorial dos apelidos de Galicia. Esta ferramenta sérvese dun sistema de información xeográfica que combina a estatística e a análise espacial.

A CAG proporciona información que pode resultar de interese para diversas disciplinas: a dialectoloxía, a historia do léxico, a sociolingüística, a demografía, a historia da economía, a xenealoxía, etc. Os apelidos de hoxe orixináronse pola necesidade de identificar e distinguir as persoas. E para iso utilizáronse sobrenomes, patronímicos ou designativos de lugar, que só se comezaron a facer hereditarios en Galicia desde finais da Idade Media. A maioría dos apelidos de Galicia teñen orixe en nomes de lugar (apelidos toponómicos: Piñeiro ou Castro), en nomes de persoa (apelidos patronímicos: González ou Vázquez) ou en nomes de oficios, dignidades, animais, características físicas, etc. (apelidos lexicais: Ferreiro, Conde, Pita, Rouco ou Louzao).

A CAG ofrece información da frecuencia e distribución dos apelidos de Galicia a partir dos datos do Censo de poboación do ano 2001, proporcionados polo Instituto Nacional de Estadística (Madrid) á Real Academia Galega. A páxina facilita información sobre o número de apelidos que se rexistra en cada concello e sobre a porcentaxe de apelidos do concello tendo en conta o número total de apelidos. Esta información númérica represéntase nun mapa temático dos concellos en que a frecuencia de aparición do apelido se marca cunha gradación de cores.

Os membros do equipo actualizan con regularidade a páxina con novas achegas e coas suxestións que lles fan chegar todos os usuarios. As persoas que queiran facer consultas ou suxestións poden envialas a través deste formulario de (Contacto). Agradecemos por adiantado todas as indicacións que nos envíen.


EQUIPO

Coordinadores do proxecto: Ana Isabel Boullón Agrelo e Xulio Sousa Fernández.

Colaboradores: Raquel Rodríguez Parada (2005-2007), Rocío Dourado Fernández (novembro 2006-outubro 2007), Miguel Mosquera Fociños (2008-2010) e César Osorio Peláez.

Desenvolvemento da aplicación: Ana Isabel Suárez Moreno (2009-2010), César Osorio Peláez (2011).

O equipo do proxecto agradece a colaboración do profesor José Ramón Ríos Viqueira (Escola Técnica Superior de Enxeñería - USC) no deseño e desenvolvemento da aplicación.

A Cartografía de apelidos de Galicia é un proxecto de investigación do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolveu coas axudas financieiras da Real Academia Galega (versión do 2006) e da Secretaría Xeral de Universidades (versión de 2010). A primeira versión da aplicación levouse a cabo en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA)

Nota metodolóxica: Por cuestión de segredo estatístico, non se poden mostrar resultados de rexistros que teñan 5 ou menos ocorrencias por concello.

Forma de cita: Ana Isabel Boullón Agrelo / Xulio Sousa Fernández (dirs.): Cartografía dos apelidos de Galicia. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <http://ilg.usc.es/cag/> [Consultado: <data>]

Buscas máis populares:

5 users on-line
© 2024 Instituto da Lingua Galega - USC
ISSN 2659-8205