AMPER-Galicia
ATLAS MULTIMEDIA PROSÓDICO DO ESPAZO ROMÁNICO

Presentación

A entoación é a melodía que levan asociados os enunciados que producimos para nos comunicar. Ten moitas funcións, pero unha das máis importantes é que permite distinguir modalidades oracionais, isto é, permite por exemplo distinguir unha oración enunciativa dunha interrogativa.

O AMPER é un proxecto de ámbito internacional no que colaboran diferentes universidades de Europa e América. A coordinación deste proxecto está a cargo dos profesores Michel Contini e Antonio Romano.

Este proxecto ten como obxectivo principal o estudo e a comparación dos trazos prosódicos nas distintas variedades lingüísticas dentro do ámbito da Romania. O AMPER segue o enfoque da fonética acústica, empregando medicións precisas de frecuencia fundamental, duración e intensidade, o que permite acadar resultados fiables e non propor simples apreciacións subxectivas, que dependen sempre dun certo prexulgamento, afortunado ou non, por parte do investigador. Por outro lado, segue unha perspectiva dialectolóxica, dado que pretende afondar nas diferentes variedades xeoprosódicas de cada lingua románica integrada no proxecto.

A principal finalidade do AMPER é a confección dun atlas prosódico en formato multimedia que se poida poñer a disposición dos usuarios na rede. Dito atlas está formado por unha serie de mapas falantes que permiten escoitar a entoación das diferentes modalidades oracionais, así como mostrar os gráficos cos valores de F0, duración e enerxía para as comparacións entre as diferentes variedades lingüísticas románicas.

Metodoloxía

O proxecto AMPER utiliza catro tipos de córpora diferentes, desenvolvidos especificamente para cada unha das linguas estudadas: o corpus fixo, o corpus dirixido ou inducido, o Map Task e o libre.

a) O obxectivo do corpus fixo consiste en gravar unha serie de frases cunha estrutura determinada que permita comparar a entoación propia das diferentes linguas románicas nos mesmos esquemas métricos e sintácticos. Para o seu desenvolvemento, pídese ao informante que entoe unha serie de enunciados a partir duns deseños elaborados e que se lle presentaron previamente. A utilización de debuxos en fichas de papel, en lugar da lectura de frases escritas débese a un intento de aproximación ao proceso mental xerado polo locutor no acto creador da fala. O proceso de escritura require o emprego dunha zona cerebral distinta que o da oralidade, polo que a utilización dun corpus formado por oracións escritas pode inducir ao informante ao emprego dunha entoación de lectura.

Figura 1: Exemplo das fichas utilizadas na gravación. Corresponde a O médico falaba co cómico.

O corpus fixo, que empregamos neste estudo, está formado por unha serie de frases coa estrutura:

O suxeito e o complemento están formados por unha frase nominal composta por un artigo, un substantivo e ademais, naquelas frases que denominamos con extensión, un adxectivo. Segundo o tipo de acentuación: oxítona, paroxítona e proparoxítona empréganse tres suxeitos diferentes (ferrolán, soldado, médico), tres complementos (capitán, cabalo, cómico) e 3 modificadores (folgazán, pequeno, rápido) que se combinan entre si formando 126 frases diferentes (63 enunciativas e 63 interrogativas):

b) No corpus inducido, o entrevistador contextualiza unha determinada situación cotiá na que o informante se debe situar para facer unha pregunta, respondela ou expresar un estado de ánimo determinado tal e como faría nunha situación natural. Con este cuestionario trátase de conseguir a entoación máis espontánea e cotiá do informante, posto que as respostas non seguen un patrón sintáctico e dependen da propia elección (anexo 1).

c) No chamado Map Task [1], preséntanse dous mapas dunha mesma zona, inventada ou non. Nun deles hai unha ruta marcada, co seu inicio e a súa meta, que no outro non aparece (este último é o que se lle dá ao informante). Esta ruta pasa por unha serie de lugares que poden ou non coincidir nos dous mapas. Un mesmo lugar incluso pode ter diferentes nomes nos dous mapas. O informante debe debuxar o percorrido da ruta que se lle describe oralmente, facendo as preguntas necesarias. O obxectivo deste exercicio é a recollida das expresións xurdidas do diálogo, no que abundan os equívocos, rectificacións, aclaracións, preguntas, etc (anexo 2).

d) O corpus libre é un monólogo libre do informante sobre calquera tema, sen apenas intervención do entrevistador.

[1] Basado no HCRC Map Task Corpus. Para máis información consultar a web: http://www.hcrc.ed.ac.uk/maptask/