A toponimia é patrimonio

no comments

A Real Academia Galega dirixiuse formalmente ó Congreso dos Deputados, a través dos grupos parlamentarios, para solicitarlles a inclusión da toponimia tradicional como concepto individualizado no Proxecto de Lei para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial.

A toponimia, testemuño da relación histórica do ser humano co territorio, sofre o risco constante que supoñen as transformacións aceleradas do territorio.

O comunicado da Academia pode lerse por completo aquí.

Morelos, un estado “galego” en México

no comments

Morelos é nome dun estado de México e de varias localidades dese país centroamericano. Todos eses lugares recibiron o nome de José María Morelos, heroe da independencia do país. Sobre a filiación deste persoeiro e a orixe galega do seu apelido escribiu Ignacio González-Polo en 1997 na obra La estirpe y el linaje de José María Morelos: «Y aunque no aparezca Morelos en los nobiliarios galaicos que he consultado, Fernando Muñoz Altea cree que este apellido es una castellanización de Mourelos «muy frecuente en Galicia»» (páx. 33).

En efecto,  Morelos é unha deturpación castelanizante de Mourelos, apelido de orixe toponímica que ten a súa orixe en calquera das oito entidades de poboación que hai na actualidade en Galicia, chamadas así ou que conteñen a palabra.

A forma Morelos é resultado dunha castelanización parcial, que reduce o ditongo decrecente caracterísitico do galego (-o- por -ou- como en *Montoto, *Orense por Montouto, Ourense) pero mantén a forma galega do sufixo diminutivo correspondente ó latín -ĚLLU (como en*Sotelo por Soutelo).

Como sobrenome toponímico está documentado en galego polo menos desde o séc. XIII: Pedro Martín de Mourellos (ano 1267, Oseira), Vaasco Fernández de Mourelos (ano1324, Ferreira de Pantón), Fernán de Mourelos alfaiate (ano 1396, Tombo H-Catedral de Santiago), Afonso de Mourelos, veciño de Santa Mariña de San Román (ano 1554, Arquivo Histórico da USC).

A finais do séc. XV e principios do XVI empezamos a ver deturpado o apelido en textos en castelán de dentro e de fóra de Galicia: Pedro Morelos (1496) ou Pedro de Morelos, veciño da Coruña (ano 1516, arquivo da Real Chancelería de Valladolid); Juan de Morelos (a.1498) e Antonio de Morelos, veciño da Coruña (1504, Arquivo Xeral de Simancas); Juan Rodríguez de Morelos (ano 1569) e Pedro de Morelos (ano 1572, Arquivo da Catedral de Santiago).

A primeira documentación que localizamos en que o inicial apelido galego, xa castelanizado, pasase o Atlántico é do séc. XVII: na unidade da Audiencia de Guadalajara do Arquivo Xeral de Indias atópase o expediente de confirmación dos oficios de escribán e notario de Indias de Antonio Morelos, natural de Guadalajara, na Nova Galicia, que declara ser español, cristián vello e limpo de toda mala raza (ano 1696, portal PARES do Ministerio de Cultura español).

Etimoloxía

O topónimo Mourelos contén o plural do resultado galego do latín MAURĚLLUS, diminutivo de MAURUS (> gal. mouro). Pola súa morfoloxía, o topónimo coincide con outros orixinados nun sobrenome aplicado ós habitantes do lugar, como Mudelos, Francelos, etc. Se ben a orixe e evolución do topónimo non ofrece dúbidas, o significado orixinario é controvertido.

En galego mouro ten un uso adxectivo co valor de ‘escuro, negro’. Como substantivo, ademais do significado latino de ‘mauritano, africano’ e o que o fai sinónimo de ‘musulmán’, común coas outras linguas hispánicas (portugués mouro; castelán e catalán moro), emprégase en galego para designar os seres lendarios asociados a castros, mámoas e outros restos arqueolóxicos prehistóricos. Pode interpretarse esta acepción de mouro como un uso secundario do mesmo maurus latino, mais tamén se ten proposto unha etimoloxía que o faría cognato céltico do participio latino de morire, e estes mouros das lendas serían ‘os mortos, os antigos, os ancestros’.

Ademais, tanto o latín Maurus coma o seu diminutivo Maurellus tiveron uso como nomes persoais que foron moi usados en Galicia durante a alta Idade Media: Maurellus abba, ano 847; Maurellus presbiter, ano 895; Maurellus testis, ano 937; Maurel Garsea testis ano 974; Maurello Vimaraz, ano 1026… A difusión do uso de mouro como ‘infiel, musulmán’ puido quizais engadir esa connotación ó nome persoal, especialmente cando se aplicaba a servos de orixe musulmá (p. ex. nun uestrum seruum nomine Maurelo do ano 931). Deste nome persoal, a partir da forma de xenitivo MAURELLI, procede o topónimo Mourelle, que dá nome a sete localidades en Galicia e que tamén orixinou apelido. Temos constancia, ademais, do emprego de Mourelo como alcuña ou sobrenome (Pedro Yanes, dicto Mourello nun documento sen data do mosteiro de Vilar de Donas; Johán Martíns Mourelo, ano 1386, Fontes Documentais da USC).

Na documentación medieval galega desde os últimos tempos do primeiro milenio son frecuentes as referencias a servos origine maurorum (como no documento do ano 916 que recolle o dote de don Gutier a dona Ilduara, os pais de San Rosendo), o que levou a interpretar que os topónimos Mourelos podían facer referencia a poboadores musulmáns procedentes do sur peninsular islamizado ou do norte de África. Pero esa explicación bate coa cronoloxía das atestacións máis antigas destas formas, que son anteriores ó Islam, pois non só se documenta un topónimo Maura Morta no ano 572 (no Liber fidei de Braga) senón que a Divisio Theodomiri ou Parroquial Suevo (ano 569) rexistra uns topónimos Maurellos superiores et inferiores no territorio de Astorga. Isto levou ó Padre Sarmiento, no seu Discurso crítico sobre el origen de los Maragatos (1768), a suxerir dúas explicacións para ese topónimo Mourelos: ou ben corresponde a xentes procedentes do norte de África en datas moi anteriores ás dos mouros ‘musulmáns’ ou ben fai simplemente referencia á cor escura dos habitantes.

Imaxe: Wikimedia.org

 

Parabéns aos veciños do Sisto!

no comments

Ata hai pouco tempo, este era o cartel que indicaba a aldea do Sisto, na parroquia de Ribasar, concello de Rois:


 

A orixe do topónimo, que conta con máis de cen ocorrencias ao largo do país, nada ten que ver co antropónimo latino Sextus ou Sixtus, como se veu pensando, senón que procede moi problemente do latín sistere ‘colocar, establecer’. A forma tradicional do topónimo, coherente con esta hipótese etimolóxica, é O Sisto e así se recolle no Nomenclátor de Galicia, que determina os nomes oficiais das entidades de poboación galegas.

Contra a rotulación incorrecta do nome da aldea, a Asociación de Veciños de Ribasar presentou unha queixa ante a Xunta e o cartel vén de ser trocado por estoutro:

 

Parabéns aos veciños do Sisto por poñeren en valor os nomes de noso!

 

Microtoponimia vital

no comments

Francisco Freire elaborou este interesante vídeo sobre a riqueza e a importancia dos nosos nomes de lugar. O traballo xurdiu do Obradoiro de creación de vídeos organizado pola Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística e da recollida da microtoponimia que se está a facer desde o concello de Pontevedra.

Sobre a deturpación gráfica dos apelidos

no comments

O blog de Prolingua ofrécenos esta semana o artigo «As deformacións acentuais dalgúns apelidos galegos (I)» de X. Henrique Costas, un interesante texto sobre a deturpación acentual (e gráfica) dos apelidos de deportistas galegos que residen fóra de Galicia.

Crónica do curso de verán de toponimia

no comments

Do 16 ao 19 de xullo tivo lugar nas facultades de Filosofía e Filoloxía de Santiago de Compostela o curso de verán da USC Toponimia: interpretación e actuación. O curso contou cun número significativo de conferencias impartidas por socios da AGOn. É o caso de Gonzalo Navaza, Antón Palacio, Luz Méndez, Xesús Ferro, Antón Santamarina, Carlos Búa, Paulo Martínez Lema, Vicente Feijoo, Xosé Lois Vilar, Xulia Marqués e Marta Souto.

Ó acto de inauguración, celebrado o martes 16 na facultade de Filosofía, acudiron a directora do curso e socia fundadora da AGOn, Ana Boullón, o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, o director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane, o alcalde do concello de Rois, Ramón Tojo Lens, e o presidente da mancomunidade de municipios Arousa Norte e alcalde do concello de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez. Os concellos de Rois e Touro e a mancomunidade de municipios Arousa Norte (formada por Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira) financian axudas económicas para a recollida de microtoponimia destinadas a alumnos matriculados no curso.

O elevado número de asistentes, por riba dos setenta, demostra o interese que espertan os actos concibidos co fin de divulgar os estudos onomásticos e sensibilizar arredor da conservación e coidado do noso patrimonio toponímico. Durante o curso houbo unha asistencia continuada e suscitáronse debates arredor dos contidos expostos, enfocados fundamentalmente cara ó coñecemento científico da pescuda etimolóxica e mais ás posibilidades de normalización lingüística neste eido, tanto no marco municipal como nos centros educativos. Tívose en conta o fundamental carácter multidisciplinar da toponimia, e expuxéronse as súas relacións e implicacións coa xeografía, o marco xurídico, a arqueoloxía e paisaxe, e a literatura. Ademais, unha das pezas angulares foi a formación na recollida toponímica, obxecto dunha práctica de campo específica.

Ós alumnos da USC que participaron concedéronselles dous crédito de libre configuración, e ós profesores de ensino non universitario a homologación como curso de formación por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por 30 horas lectivas.


Acto de inauguración do curso de verán de toponimia

Público asistente ó acto de inauguración

 

 

Carme Buxán na lembranza

no comments

 

O 24 de xullo de 2013 a enfermidade venceu a Carme Buxán Saco, socia da AGOn. Profesora de Historia, dedicou a súa vida á docencia e  ó estudo da Historia de Galicia, en concreto, do noso patrimonio castrexo. A súa obra Guía dos castros de Lalín (1989) supuxo o primeiro traballo moderno sobre os castros do concello e nela inclúese unha recompilación de material bibliográfico, toponímico e cartográfico e o posterior traballo de campo que teñen como resultado unha colección de fichas coa localización, a descrición, o emprazamento funcional, a recollida do folclore e os achados de cada un dos restos da antiga civilización castrexa no municipio de Lalín.

Que a terra que tanto amou e onde agora descansa lle sexa leve.

Aberta a matrícula no curso de verán de toponimia da USC

no comments

A Universidade de Santiago de Compostela vén de abrir o período de matriculación no curso de verán Toponimia: interpretación e actuación, que terá lugar nas facultades de Filosofía e Filoloxía do 16 ó 19 de xullo.

Podedes atopar información sobre as maneiras de formalizardes a matrícula premendo aquí.

Para coñecerdes os detalles do programa e outros datos de interese podedes visitar a seguinte ligazón: http://ilg.usc.es/ilgas/curso_veran_toponimia/.

Cómpre lembrar que a asistencia a este curso dá acceso a bolsas de traballo para a recollida de microtoponimia nos concellos de Rois, Touro, a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte (Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira) e outros en trámite.

Por outra banda, está solicitada a homologación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para docentes de ensino primario e secundario por 30 horas lectivas. Ademais, a USC concede dous créditos de libre configuración a aqueles estudantes que os requiran.


Curso de verán de toponimia: actuación e interpretación

no comments

Do día 16 ó 19 de xullo terá lugar na Universidade de Santiago o Curso de verán de toponimia: actuación e interpretación, organizado pola profesora Ana Boullón, socia fundadora da AGOn.

O curso vai dirixido principalmente a profesorado de ensino medio e primario, profesionais de gabinetes de normalización lingüística e estudantes e licenciados universitarios, sobre todo, pero non de maneira exclusiva, de filoloxía, xeografía e historia. Con todo, está aberto a todas aquelas persoas interesadas na onomástica galega.

O obxectivo do curso de verán é formar o alumnado en catro campos de coñecemento fundamentais: a pescuda etimolóxica, a didáctica da toponimia, a acción normalizadora e o traballo de campo (recollida de microtoponimia, tratamento informático dos datos, etc.). Ademais, abordarase o carácter multidisciplinario do estudo toponímico, subliñando o aproveitamento que del se pode tirar para outras áreas do saber, como a xeografía, a arqueoloxía, a etnografía ou a historia.

A organización do curso está xestionando bolsas de colaboración con diversos concellos da contorna dirixidas ás persoas matriculadas. As bolsas están pensadas para que os alumnos, aproveitando os coñecementos adquiridos, realicen recollida de microtoponimia en determinadas parroquias deses concellos. Por outra banda, está solicitada a homologación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia por un total de 30 horas lectivas.

Desde a AGOn queremos convidarvos a asistir e participar neste curso, que conta cun nutrido número de conferenciantes da nosa Asociación.

Se queredes saber máis, podedes premer na seguinte ligazón: http://ilg.usc.es/ilgas/pdf/Curso_Toponimia.pdf

Valadares: ortografía e castelanización da toponimia

no comments

Valadares é o nome de dúas parroquias (nos concellos de Outes e Vigo) e de cinco aldeas galegas. Tamén hai catro parroquias e varias localidades en Portugal con ese nome. É un topónimo exclusivo da área galego-portuguesa da península ibérica.

O topónimo corresponde ó plural de valadar, un abundacial do substantivo valado, que provén do latín VALLATUM, palabra derivada de VALLUM ‘estacada, cerca feita de paus’.
Valadar debeu ser voz común que conviviu con valado e desapareceu subtituída por esta.

Hai exemplos ben antigos da palabra no latín dos textos galegos, coma estes da documentación do mosteiro de Celanova, do séc. X:

  • «…de ipsa sexta medietatem integram vobis damus atque concedimus de valatare de agro Ordoni» (…desta sexta dámosvos e concedémosvos a metade íntegra do valadar do agro de Ordoño)
  • «…per corrogo qui discurrit de Linarelios et figit se in vallatare qui concludet vestrum agrum quos comparastis de filios Astulfu» (…polo corgo que discorre desde Liñarellos e se mete no valadar con que pecha o voso agro que lles compraches ós fillos de Astulfo)
  • Nese mesmo século encontramos, tamén na documentación de Celanova, por primeira vez a palabra como topónimo:
  • … in territorio Valladares iuxta flumen Minei (no territorio de Valadares, xunta o río Miño)
  • … quas abemus de auiorum uel parentum nostrorum in territorio Valladares (que temos dos nosos avós ou parentes no territorio de Valadares)
  • Illa alia hereditas dabo tibi ad integrum usque illam potueritis invenire in Valadares (A outra herdade que poderedes encontrar en Valadares doucha enteira para sempre )

E xa, acompañando a nomes propios, como precursor do apelido toponímico, no século XIII:

  • Martino Valladares
  • Suerio Pelagii de Valadares

En latín, a grafía <-LL-> latina representaba a xeminación (división) da consoante <-L-> e indicaba que esta consoante se alongaba e se pronunciaba en dúas sílabas: <VAL-LUM>, <VAL-LA-TUM>. Na evolución do latín ás linguas romances, esta secuencia deu lugar en galego a –l– (grafía e pronuncia), mentres que no castelán pasou a pronunciarse unha consoante palatal (o que hoxe escribimos con <ll>).

Pero nos textos medievais ás veces consevábase a grafía latina , aínda que se pronunciase –l– , por iso aínda que encontremos a forma «Valladares» debemos sempre lelo como Va-la-da-res e nunca se pode interpretar co mesmo valor có do galego moderno. Quere isto dicir que en galego nunca existiu o topónimo *Valladares pronunciado como se faría hoxe en día.

 

Cando se empezou a dar nos textos escritos o proceso de substitución do galego polo castelán, nos textos dos primeiros séculos era normal aínda que o topónimo non se castelanizase. Así se pode comprobar nestes fragmentos de documentos do séc. XVI tomados do Arquivo Histórico Universitario de Santiago.
A castelanización destes topónimos, seguramente por non corresponder a entidades grandes de poboación, foi tardía.

Nalgún caso, coma no da parroquia de Valadares de Vigo, adóitase considerar que a castelanización gráfica do topónimo comezou a consolidarse coa institución do marquesado do mesmo nome en 1673. Aínda así, o topónimo mantívose na súa forma galega na fala e calquera argumento que queira demostrar a antigüidade dunha forma oral *Valladares é falso. Así se evidencia con esta cita de Taboada Leal na súa Descrición topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores de 1840.

A semana pasada presentouse en Vigo a nova Cidade Deportiva do Celta que se construirá na parroquia de Valadares. Pero non é inusual ver na prensa a forma incorrecta *Valladares probablemente debido á reiterada argumentación de «díxose así de toda a vida».

Quizais debamos reflexionar sobre o feito de que a duración da nosa vida é ben cativa ó lado da duración da vida da humanidade.

xunta de galicia

O mantemento desta web contou cunha subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.