Os topónimos fálannos da singularidade do noso territorio, das xentes que o foron poboando e da maneira que tiveron de facelo, da nosa historia ao fin e ao cabo. Os topónimos son unha herdanza milenaria que nos deixaron os que nos precederon. Son a pegada intanxible dos nosos antepasados.

Os cambios tan rápidos que está vivindo a sociedade e a desaparición do modo de vida tradicional rural e mariñeiro están poñendo en perigo este riquísimo patrimonio. Moitos dos nomes que recibe o territorio xa só están na memoria das persoas de idade e, cando falten, con elas perderemos ducias e ducias de pequenos tesouros de grande interese científico e patrimonial.

O territorio de Galicia é dun pouco máis de 29.000 quilómetros cadrados, un 6% do territorio do estado. Temos unhas 33.000 entidades de poboación, un 28% de toda as de España (108.000 aprox.).

E aínda máis, calcúlase que todos eses nomes de lugar mailos nomes dos ríos, regatos, montes, camiños, pedras, muíños, etcétera superan o millón de topónimos.