Archive for the author ·

editor

·...

Que a toponimia conmemorativa non sepulte a tradicional

no comments

Na IV Xornada de Onomástica da Real Academia Galega, celebrada en Pontevedra en outubro de 2019, a Academia acolleu a proposta da Asociación Galega de Onomástica (AGOn) dun modelo mixto de rotulación que permita conciliar a conservación da toponimia tradicional co desexo das corporacións municipais de dedicarlles rúas ás persoas que consideran merecentes.

Este modelo é coñecido tamén como “modelo toledano” pola valoración expresa que recibiu o tratamento dos topónimos na súa candidatura a Cidade Patrimonio Cultural da Humanidade. Nalgunhas localidades galegas como Pontevedra, Monforte e Tui indícase a denominación antiga a carón da moderna, de forma que, polo menos, se ten constancia das denominacións anteriores.

Por ese motivo, e a raíz de senllas noticias sobre a intención de interpoñer rúas conmemorativas en Poio e Ponte Caldelas, a AGOn dirixiuse a eses concellos para recordalles a importancia da toponimia tradicional e suxerirlles que asuman o modelo mixto. Os concellos teñen un papel destacado no mantemento desa parte do patrimonio inmaterial que realmente é de todos.

Pode verse unha das cartas aquí: PonteCaldelas

 

Novas rúas, vella toponimia

no comments

O Concello de Tomiño puxo en marcha unha iniciativa para darlle nome a unha nova avenida. Dende a AGOn defendemos que as novas entidades leven nomes tradicionais do lugar.
Así o recolle tamén o propio concello na súa Ordenanza para o impulso social da lingua galega, que no artigo 17.2 di:
“O Concello de Tomiño promoverá a recuperación, historia, orixe, coñecemento e uso da toponimia do territorio municipal, e preservará as formas tradicionais dos lugares como parte integrante da memoria colectiva do patrimonio cultural”.
É por iso que vos pedimos que accedades á páxina do concello de Tomiño e enviedes a proposta da AGOn antes do día 15 de xaneiro. Unha das frases que suxerimos para lembrarlle ó concello a obriga que adquiriu é a seguinte:

Buscar un nome novo e sepultar un topónimo tradicional é dar ao esquecemento unha parte da historia do territorio.

Podedes facelo neste enderezo web: tomino.gal/ponlle-nome.

A Valedora comparte coa AGOn que as institucións e os seus cargos deben respectar a toponimia galega

no comments

A Valedora do Pobo remitiulle á AGOn resposta sobre a queixa de esta Asociación en relación co uso que o Presidente do Goberno español fai de formas castelanizadas da toponimia galega.

A responsable da institución comunícanos que non se admite a trámite a protesta porque, por un lado, non é ambito da súa competencia e cita literalmente a Lei que a regula: “[a institución do Valedor do Pobo] poderá supervisar a actividade da Administración da Comunidade Autónoma galega e a dos seus entes…, así como a da Administración local naquelas materias que son competencia da nosa Comunidade”  e por outro porque a demanda que formulamos “non vai precedida da actuación dun ente administrativo de carácter público”, e que a institución do Valedor do Pobo  “non ten competencias para supervisar actos ou decisións de natureza privada, nin siquera, como ocorre neste caso, cando eses actos ou manifestacións cadan unha grande difusión” (é textual).

Tamén engade: Compartimos o seu criterio de que todos os cargos, administracións e institucións públicas teñen unha obriga fundamental de respecto ao ordenamento xurídico. Tamén, como é evidente, a forma oficial dos topónimos das entidades de poboación, ao abeiro da normativa vixente que vsotede invoca no seu escrito.”

Finalmente, suxire que nos dirixamos ó Gabinete da Presidencia para trasladármoslles esas consideracións, como así faremos.

Valoramos positivamente que a Valedora comparta o noso criterio, aínda que neste caso non tivese resultado.

 

A AGOn solicítalle á Valedora que inste o Presidente do Goberno español a respectar a toponimia galega

no comments


A Asociación Galega de Onomástica (AGOn), por acordo adoptado na súa asemblea ordinaria do día 12/01/2018, dirixiuse á Valedora do Pobo para que inste o Presidente do Goberno de España a que respecte a toponimia galega na súa forma oficial, como lle correspondería polo cargo que ocupa.

Así, a AGOn apela á Lei de Normalización Lingüística, que no seu no seu artigo 10 establece que “Os topónimos terán como única forma oficial a galega”.

Ademais, no seu escrito, a AGOn lembra que “A denominación oficial das entidades de poboación está recollida, segundo o RD 1545/2007, no Nomenclátor Xeográfico Nacional, constituído este polo Nomenclátor Xeográfico Básico de España e o Nomenclátor Xeográfico de cada unha das Comunidades Autónomas” e tamén que a ONU, a través do Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos (UNGENG), establece o carácter de patrimonio cultural dos nomes xeográficos e recoñece a importancia dos topónimos nas linguas minoritarias como parte integrante da herdanza lingüística de cada comunidade.

Recórdase tamén que a propia Constitución Española promulga no artigo 3 que “A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección”.

 

 

II Xornada de Onomástica Galega

no comments

O vindeiro sábado, 30 de setembro, a Real Academia Galega organiza en Pontevedra a II Xornada de Onomástica Galega, nesa ocasión centrada no tema Os nomes e os apelidos: aspectos legais, sociais e lingüísticos. A entrada é libre ata completar aforo.

Pódese consultar todo o relativo a este acto neste enlace.

Ten Galicia tanta toponimia relixiosa?

no comments

"Mapa de lugares sagrados en Europa". Fonte: BIQDATA

O portal Galicia Ciencia recolle no artigo “A santísima toponimia de Galicia” o mapa que ilustra esta entrada e que publica a web polaca BIQDATA. Nel represéntanse os lugares de Europa que conteñen o concepto “santo” no seu nome. Galicia destaca nunha intensa mancha vermella e por iso no artigo se nos sinala como o lugar de máis densidade de haxiotopónimos (nomes de lugar que se refiren á relixión) de Europa. Pero non, a toponimia de Galicia non é tan santísima como parece.

Para a elaboración do mapa, parece evidente que se tomou a advocación como parte do  nome das parroquias, aínda que esta non forma parte do topónimo.

Cando no Nomenclátor de Galicia (NG) vemos, por exemplo, Sar (Santa María) entre as parroquias de Santiago de Compostela, entre paréntese indícase que é a Santa María a quen está dedicada, e non que o nome sexa *Santa María de Sar. A advocación da parroquia dános, en moitas ocasións, información importante sobre a súa antigüidade e sobre a súa historia e deixa constancia de que a nosa división administrativa non se pode esgazar dun antiquísimo control eclesiástico sobre un territorio perromano e pagán. Por iso se recolle no nomenclátor e se indica entre parénteses, para sinalar que non forma parte do nome de lugar.

Outras parroquias e localidades si levan o santo no nome, coma a de San Caetano ou Santa Cristina de Fecha, que así se distingue de Fecha que está dedicada a San Xoán; ou o propio Santiago de Compostela, que naceu arredor do nome do apóstolo.

Pero, en realidade, hai pouco máis de 1200 topónimos dos máis de 37.000 que ten NG que empecen por San– ou Sant– e moitos non teñen nada que ver coa relixión, senón que son antropotopónimos (formados con nomes de persoa) de orixe xermánica coma Santomil (Santiago de Compostela) ou Sandiás (Chantada). Ou son fitotopónimos (provenientes de nomes de plantas) coma Sanguiñedo (Ortigueira) ou Sancido (Becerreá). Ou teñen outras procedencias máis antigas, prerromanas, coma Sangorzo> (Oza dos Ríos).

Por outra parte, para a elaboración deste mapa non se tiveron en conta algunhas raíces que significan “santo” noutras partes de Europa, coma Don(e)- en Euskadi, que deu lugar a Donibane (San Xoán) ou Doneztebe (Santo Estevo) e Donostia (San Sebastián), aínda que este último topónimo é de etimoloxía discutida.

Non se pode negar a importante a pegada da relixión na toponimia de Galicia e obsérvase tamén nas máis de 660 localidades que no seu nome están relacionadas coa voz latina ECCLESIAM e que conteñen as raíces Eire-, Aire-, Irex-, Irix-, Grix– ou Igrex-.

Pero como a cantidade de nomes de lugar en Galicia é sorprendente, debido á gran dispersión da poboación, por iso sempre imos destacar en topónimos de calquera campo léxico. Nótese, por exemplo, que temos máis de 460 localidades que conteñen a palabra outeiro ou case 500 que empezan pola raíz Font-.

 

Queres recuperar a forma propia do teu apelido galego?

no comments

Desde principios do século XVI o galego viuse desprazado na escrita. Unha das consecuencias foi que, de maneira máis ou menos consciente, os nomes propios, tanto topónimos coma antropónimos, comezaron a ser modificados e asimilados ao castelán. Cando se empezaron  a xeneralizar os rexistros (primeiro os relixiosos,  a partir das instrucións ditadas tras o Concilio  de Trento, na segunda metade do século XVI,  e despois os civís) esta práctica non se seguiu  de xeito uniforme.

Dado que os nomes van cambiando de xeración en xeración, os antigos nomes de pía que aparecían acotío nos documentos medievais (Afonso, Lopo, Nicolao, Johán, Einés, Moor, Mariña, Esteveíña, Tereixa, Xemena…), foron sendo substituídos polas novas devocións propugnadas pola Igrexa católica. Aqueles que se mantiveron empezáronse a impoñer na  súa forma castelá. Así que o corpus dos nomes  propios pasou a consignarse de maneira case exclusiva en castelán.

Pero cos apelidos, que xa eran hereditarios, non sucedeu o mesmo. En realidade, modificalos ou respectalos dependía en boa medida da vontade do escribente: algúns sufriron en maior medida o proceso de deturpación ca outros, e non se ten constatado que acontecese de maneira significativamente diferente nunhas áreas ou noutras.

Como esta parte da onomástica persoal non pode ser regulada polo dereito público, pois pertence ao dereito privado, han ser os propios particulares os que procedan á restitución dos seus apelidos ou á recuperación dos seus nomes propios. A Real Academia Galega acaba de publicar un repertorio de 1500 apelidos coa súa forma xenuína galega, que facilita que poidas recuperar administrativamente o teu nome familiar. (Podes picar aquí para acceder ó documento).

 

 

 

A orixe literaria do nome da Coruña

no comments

Gonzalo Navaza, membro fundador e expresidente da AGOn, escribe na Revista Galega de Filoloxía sobre a orixe do topónimo que lle dá nome á cidade da Coruña. Pódese ler o artigo completo aquí.

Neste artigo do xornal online Galicia Confidencial, o autor tamén explica nunha entrevista algúns pormenores das súas pescudas.

Simposio ILG 2016: Antroponimia e Lexicografía

no comments

Durante os días 24, 25 e 26 de outubro celébrase na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela o Simposio ILG 2016, que este ano versa sobre antroponimia e lexicografía. Pódese consultar toda a información sobre o simposio na web do Instituto da Lingua Galega. O prazo de inscrición remata o mesmo día de inicio, o 24 de outubro, ás 12:00.

Xornada de Onomástica galega en Pontevedra

no comments

A Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra organizan este sábado 17 de setembro unha Xornada de Onomástica galega no Museo Provincial de Pontevedra. O tema central deste encontro é a microtoponimia e a urxencia da súa recollida e preservación. Nesta ligazón pódese consultar toda a información sobre o acto.

 

(Imaxe tomada do buscador da web Toponimia de Galicia)