A Lei de reforma do Rexistro Civil, nº 49/1999, do 5 de novembro, dicía no seu artigo 3:

O encargado do Rexistro, a pedimento do interesado ou do seu representante legal, procederá a regularizar ortograficamente os apelidos cando a forma inscrita no Rexistro non se adecúe á gramática e fonética da lingua española correspondente.

Con isto pretendíase paliar unha situación inxusta, que lles substituíu a moitos galegos a forma dos apelidos, á marxe da súa vontade. Valla de exemplo este coñecido testemuño de 1783, tirado do Libro de fábrica de San Miguel de Treos (Vimianzo), onde se lle cambia o apelido a Patricio de Outeiro polo de Patricio de Otero.

Os apelidos, con todo, resistiron mellor o proceso de castelanización, por seren de transmisión obrigatoria, pero, aínda así, sufriron diferentes deformacións en certa porcentaxe (en conxunto, calcúlase que en torno ó 15%). Así, hoxe dáse o paradoxo de apelidos que proceden de topónimos galegos, pero que teñen a súa forma só en castelán: é o caso de *Abeijón (que vén de Abeixón, en Lousame), *Goyanes (Goiáns en Boiro-Co), *Molanes (Moláns en Vigo) e moitos outros. Outros apelidos, con correspondencias transparentes en castelán, foron traducidos, como Rojo 2.700 /  Roxo 3, Otero 42667/ Outeiro 341 ou Lorenzo 29264 / Lourenzo 22. Téñase en conta que nestes casos, o que se solicita non é o cambio dun apelido castelán por un galego, senón a restitución dunha forma galega que nun momento da transmisión foi alterada.

A pesar da devandita Lei, algúns cidadáns viron obstaculizada a vontade de restituí-los seus apelidos na forma estándar en galego. Isto sucedeu con persoas apelidadas Otero, Villameá, Rivera, Janeiro, por exemplo, ás que se lles negou a conversión en Outeiro, Vilameá, Ribeira e Xaneiro, respectivamente, aínda que, como é obvio, eses apelidos deturpados non se adecúan á gramática nin á fonética do galego, como se di na lei.

Así pois, cómpre un apoio xurídico que lles garanta ós galegos que “teñen dereito á forma normativamente correcta en galego dos seus nomes e apelidos”, tal e como se recolle na Lei de política lingüística de Cataluña (1/1998, de 7 de xaneiro, artigo 19), e á difusión de cales son esas formas correctas.