I shot the Pope!
O nome que asumiu o actual papa, BENEDICTUS –en latín, lingua oficial do Vaticano–, evolucionou nas linguas romances ás correspondentes formas patrimoniais propias: Bento en portugués, Benito en castelán, Benoît en francés, Benet en catalán ou Bieito en galego. No italiano a evolución do nome é un resultado semiculto, Benedetto, aínda que os manuais de onomástica recollen tamén a forma Benito, forma tomada do castelán que se divulgou por ser o nome do duce Mussolini; pola mesma razón hoxe xa non é un nome con popularidade. Tamén as distintas linguas introduciron por vía culta as formas Benedito, en galego e portugués, Benedicto en castelán, Bénédict en francés ou Benedicte en catalán.

Por tradición, os nomes dos papas adáptanse ás formas patrimoniais das linguas romances. O uso vén de vello e mantense no mesmo vaticano (www.vatican.va) como se pode ver premendo na opción das distintas linguas. A razón desta escolla é unha razón práctica: que os fieis aprendan facilmente o nome do pontífice. Así, o anterior papa, IOHANNES PAULUS, chamábase João Paulo en portugués, Juan Pablo en castelán, Jean Paul en francés, Giovanni Paolo en italiano e Joan Pau en catalán.

No galego medieval temos xa os primeiros exemplos desta tendencia:

  • “morreu o papa Bonifas, et poserõn en seu lugar a Beeyto, o seteno”
  • “outrosy morreu o papa Beeyto, et foy posto en seu lugar Johan”
  • “morreu en ese ano Ssergyu, papa, et [foy] posto en seu lugar Beeyto oytauo”

(Fonte: TMILG, Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega)

Joseph Alois Ratzinger adoptou o nome de Bieito, por San Bieito de Nursia, patrón de Europa, fundador da orde dos beneditinos e considerado o iniciador da vida monástica en occidente. A forma *Benedicto é incorrecta segundo as normas ortográficas do galego.

Creative Commons License photo credit: Erprofe