"Mapa de lugares sagrados en Europa". Fonte: BIQDATA

O portal Galicia Ciencia recolle no artigo «A santísima toponimia de Galicia» o mapa que ilustra esta entrada e que publica a web polaca BIQDATA. Nel represéntanse os lugares de Europa que conteñen o concepto «santo» no seu nome. Galicia destaca nunha intensa mancha vermella e por iso no artigo se nos sinala como o lugar de máis densidade de haxiotopónimos (nomes de lugar que se refiren á relixión) de Europa. Pero non, a toponimia de Galicia non é tan santísima como parece.

Para a elaboración do mapa, parece evidente que se tomou a advocación como parte do  nome das parroquias, aínda que esta non forma parte do topónimo.

Cando no Nomenclátor de Galicia (NG) vemos, por exemplo, Sar (Santa María) entre as parroquias de Santiago de Compostela, entre paréntese indícase que é a Santa María a quen está dedicada, e non que o nome sexa *Santa María de Sar. A advocación da parroquia dános, en moitas ocasións, información importante sobre a súa antigüidade e sobre a súa historia e deixa constancia de que a nosa división administrativa non se pode esgazar dun antiquísimo control eclesiástico sobre un territorio perromano e pagán. Por iso se recolle no nomenclátor e se indica entre parénteses, para sinalar que non forma parte do nome de lugar.

Outras parroquias e localidades si levan o santo no nome, coma a de San Caetano ou Santa Cristina de Fecha, que así se distingue de Fecha que está dedicada a San Xoán; ou o propio Santiago de Compostela, que naceu arredor do nome do apóstolo.

Pero, en realidade, hai pouco máis de 1200 topónimos dos máis de 37.000 que ten NG que empecen por San- ou Sant- e moitos non teñen nada que ver coa relixión, senón que son antropotopónimos (formados con nomes de persoa) de orixe xermánica coma Santomil (Santiago de Compostela) ou Sandiás (Chantada). Ou son fitotopónimos (provenientes de nomes de plantas) coma Sanguiñedo (Ortigueira) ou Sancido (Becerreá). Ou teñen outras procedencias máis antigas, prerromanas, coma Sangorzo> (Oza dos Ríos).

Por outra parte, para a elaboración deste mapa non se tiveron en conta algunhas raíces que significan «santo» noutras partes de Europa, coma Don(e)- en Euskadi, que deu lugar a Donibane (San Xoán) ou Doneztebe (Santo Estevo) e Donostia (San Sebastián), aínda que este último topónimo é de etimoloxía discutida.

Non se pode negar a importante a pegada da relixión na toponimia de Galicia e obsérvase tamén nas máis de 660 localidades que no seu nome están relacionadas coa voz latina ECCLESIAM e que conteñen as raíces Eire-, Aire-, Irex-, Irix-, Grix- ou Igrex-.

Pero como a cantidade de nomes de lugar en Galicia é sorprendente, debido á gran dispersión da poboación, por iso sempre imos destacar en topónimos de calquera campo léxico. Nótese, por exemplo, que temos máis de 460 localidades que conteñen a palabra outeiro ou case 500 que empezan pola raíz Font-.