Previsiblemente coa intención de se achegar á lingua e cultura galegas, a empresa Gas Natural Fenosa tomou a loable iniciativa de botar man dos apelidos galegos: así aparecen nos medios de comunicación algúns deles (Seoane, Carreira, Rosende, Lavandeira…). E ben din que no apelido está presente a cultura e a orixe de quen o porta. Desde a AGOn saudamos esta iniciativa da empresa (mágoa que no teléfono de atención ó cliente non haxa ninguén que atenda en galego, como si o hai en catalán. ¿Non lles merecerá o galego a mesma consideración?).

Tamén existe na Rede o portal www.onosoapelido.gasnaturalfenosa.com, no que prometen “descubrir a historia” de cada apelido. Unha idea tamén digna de loar, e así o facemos, pero o lamentable é que non se informasen máis para as respostas, na maior parte dos casos disparatadas.

Deste xeito, mentres que apelidos como Vieites (debera ser Bieites ou Biéitez), FragaFeijoo (debera ser Feixoo),Carballo ou Piñeiro indican que son “de orixe galega como o polbo á feira, a retranca, Rosalía de Castro e o Xabarín Club”, en troques resulta que CarballeiraFontán son “de orixe descoñecida, coma os buratos negros, as meigas e o universo mesmo”, e Rego ten unha historia “tan interesante e misteriosa que non logramos encontrala”. Rematan dicindo “Que curioso, verdade?”. Curiosísimo, por algo se di que tamén hai galegos na lúa; estes apelidos deben vir do noso satélite…

Resulta tamén que apelidos que mesmo na China identificarían como galegos ou portugueses, como TouriñoTroitiño,SeixoPazos, para o portal de Gas Natural ou son de orixe descoñecida ou non deron atopado a súa historia (o apelidoMeixide é para os autores deste portal “indescifrable”; o que diciamos antes: extraterrestres). Por certo, que o apelidoRajoy (do topónimo galego Raxoi, que mostra a maneira correcta de escribilo) é para eles “de orixe árabe”; xa estamos vendo a don Mariano con xilaba…

O apelido Rey –que adoita ser un deses nomes de nenos orfos (como Expósito) – resulta que ten unha orixe navarra. E aínda máis escandaloso: apelidos inequivocamente de orixe galega como son Méndez (o correspondente en castelán éMenéndez ou Meléndez) e Vázquez (castelán Velázquez), o primeiro é de orixe española “como a tortilla de pataca, Picasso, a sesta e os Chupa Chups”, e o segundo de orixe asturiana “como a sidrina, a raíña, o cachopo e o bable. Puxa!”. Pois puxará, pero os dous apelidos son moi galegos, como indica o feito de que o idioma de Galicia é o único que rexistra a perda do –N– e do –L–- intervocálicos existentes no latín, que conservaron o asturiano e o castelán. Por non mencionar outros apelidos “españois” como Ferreiro, MariñoPereiro ou Veiga. Máis despropósitos: Vila, segundo eles, é de orixe catalá, e Freire, de orixe francesa. É certo que hai apelidos moi escuros, pero todos estes, que están entre os máis frecuentes, son ben fáciles de coñecer con só mirar un dicionario de lingua ou consultar oNomenclátor de Galicia (http://www.xunta.es/nomenclator), pois moitos apelidos veñen de nomes de lugares.

En fin: que saudamos esta iniciativa de Gas Natural Fenosa, pero pedímoslle que teñan máis rigor científico e que se asesoren debidamente antes de cometer estes erros, que demostran pouco aprecio por un elemento da nosa identidade tan importante que, como moi ben se di na súa web, engloba a nosa cultura e a nosa orixe.

X. M. Lema