Morelos é nome dun estado de México e de varias localidades dese país centroamericano. Todos eses lugares recibiron o nome de José María Morelos, heroe da independencia do país. Sobre a filiación deste persoeiro e a orixe galega do seu apelido escribiu Ignacio González-Polo en 1997 na obra La estirpe y el linaje de José María Morelos: «Y aunque no aparezca Morelos en los nobiliarios galaicos que he consultado, Fernando Muñoz Altea cree que este apellido es una castellanización de Mourelos “muy frecuente en Galicia”» (páx. 33).

En efecto,  Morelos é unha deturpación castelanizante de Mourelos, apelido de orixe toponímica que ten a súa orixe en calquera das oito entidades de poboación que hai na actualidade en Galicia, chamadas así ou que conteñen a palabra.

A forma Morelos é resultado dunha castelanización parcial, que reduce o ditongo decrecente caracterísitico do galego (-o– por –ou– como en *Montoto, *Orense por Montouto, Ourense) pero mantén a forma galega do sufixo diminutivo correspondente ó latín -ĚLLU (como en*Sotelo por Soutelo).

Como sobrenome toponímico está documentado en galego polo menos desde o séc. XIII: Pedro Martín de Mourellos (ano 1267, Oseira), Vaasco Fernández de Mourelos (ano1324, Ferreira de Pantón), Fernán de Mourelos alfaiate (ano 1396, Tombo H-Catedral de Santiago), Afonso de Mourelos, veciño de Santa Mariña de San Román (ano 1554, Arquivo Histórico da USC).

A finais do séc. XV e principios do XVI empezamos a ver deturpado o apelido en textos en castelán de dentro e de fóra de Galicia: Pedro Morelos (1496) ou Pedro de Morelos, veciño da Coruña (ano 1516, arquivo da Real Chancelería de Valladolid); Juan de Morelos (a.1498) e Antonio de Morelos, veciño da Coruña (1504, Arquivo Xeral de Simancas); Juan Rodríguez de Morelos (ano 1569) e Pedro de Morelos (ano 1572, Arquivo da Catedral de Santiago).

A primeira documentación que localizamos en que o inicial apelido galego, xa castelanizado, pasase o Atlántico é do séc. XVII: na unidade da Audiencia de Guadalajara do Arquivo Xeral de Indias atópase o expediente de confirmación dos oficios de escribán e notario de Indias de Antonio Morelos, natural de Guadalajara, na Nova Galicia, que declara ser español, cristián vello e limpo de toda mala raza (ano 1696, portal PARES do Ministerio de Cultura español).

Etimoloxía

O topónimo Mourelos contén o plural do resultado galego do latín MAURĚLLUS, diminutivo de MAURUS (> gal. mouro). Pola súa morfoloxía, o topónimo coincide con outros orixinados nun sobrenome aplicado ós habitantes do lugar, como Mudelos, Francelos, etc. Se ben a orixe e evolución do topónimo non ofrece dúbidas, o significado orixinario é controvertido.

En galego mouro ten un uso adxectivo co valor de ‘escuro, negro’. Como substantivo, ademais do significado latino de ‘mauritano, africano’ e o que o fai sinónimo de ‘musulmán’, común coas outras linguas hispánicas (portugués mouro; castelán e catalán moro), emprégase en galego para designar os seres lendarios asociados a castros, mámoas e outros restos arqueolóxicos prehistóricos. Pode interpretarse esta acepción de mouro como un uso secundario do mesmo maurus latino, mais tamén se ten proposto unha etimoloxía que o faría cognato céltico do participio latino de morire, e estes mouros das lendas serían ‘os mortos, os antigos, os ancestros’.

Ademais, tanto o latín Maurus coma o seu diminutivo Maurellus tiveron uso como nomes persoais que foron moi usados en Galicia durante a alta Idade Media: Maurellus abba, ano 847; Maurellus presbiter, ano 895; Maurellus testis, ano 937; Maurel Garsea testis ano 974; Maurello Vimaraz, ano 1026… A difusión do uso de mouro como ‘infiel, musulmán’ puido quizais engadir esa connotación ó nome persoal, especialmente cando se aplicaba a servos de orixe musulmá (p. ex. nun uestrum seruum nomine Maurelo do ano 931). Deste nome persoal, a partir da forma de xenitivo MAURELLI, procede o topónimo Mourelle, que dá nome a sete localidades en Galicia e que tamén orixinou apelido. Temos constancia, ademais, do emprego de Mourelo como alcuña ou sobrenome (Pedro Yanes, dicto Mourello nun documento sen data do mosteiro de Vilar de Donas; Johán Martíns Mourelo, ano 1386, Fontes Documentais da USC).

Na documentación medieval galega desde os últimos tempos do primeiro milenio son frecuentes as referencias a servos origine maurorum (como no documento do ano 916 que recolle o dote de don Gutier a dona Ilduara, os pais de San Rosendo), o que levou a interpretar que os topónimos Mourelos podían facer referencia a poboadores musulmáns procedentes do sur peninsular islamizado ou do norte de África. Pero esa explicación bate coa cronoloxía das atestacións máis antigas destas formas, que son anteriores ó Islam, pois non só se documenta un topónimo Maura Morta no ano 572 (no Liber fidei de Braga) senón que a Divisio Theodomiri ou Parroquial Suevo (ano 569) rexistra uns topónimos Maurellos superiores et inferiores no territorio de Astorga. Isto levou ó Padre Sarmiento, no seu Discurso crítico sobre el origen de los Maragatos (1768), a suxerir dúas explicacións para ese topónimo Mourelos: ou ben corresponde a xentes procedentes do norte de África en datas moi anteriores ás dos mouros ‘musulmáns’ ou ben fai simplemente referencia á cor escura dos habitantes.

Imaxe: Wikimedia.org