FOLERPA
Ferramenta On-Line para ExpeRimentación PerceptivA

Comeza a utilizar FOLERPA!

Para comezar a utilizar FOLERPA deberás rexistrarte. Preme o botón de REXISTRO DE USUARIO que atoparás na pantalla de Inicio.

Accederás a un formulario onde debes introducir algúns datos para completar o teu rexistro.

Xa te rexistraches?

Agora podes acceder ao teu perfil de investigador desde a pantalla de inicio. Dentro desta zona de administración podes elaborar un test, xestionar os tests que xa teñas realizados, difundir os teus tests e realizar unha análise estatística básica.

Atoparás estas opcións no menú da esquerda, xunto cun manual, un glosario, e unha serie de referencias bibliográficas, que podes descargar.

Pechar sesión

Para pechar sesión debes premer no recadro co teu nome de usuario, na parte superior dereita, e premer DESCONECTAR.

Menú superior

Podes navegar polo menú superior sen desconectar a túa sesión. Unha vez que queiras volver á zona de administración só tes que premer na pestana que se descolga sobre a barra do menú superior.

Menú lateral

Recorda que tes todas as opcións de administración do test no menú esquerdo. Podes acceder a calquera dos recursos cando o desexes. Ten en conta que se estás creando un test e aínda non o remataches, perderás todo o que cubriches ata o momento se cambias de módulo.

Para crear un test novo debes seleccionar a opción ELABORAR UN TEST no menú esquerdo, dentro da túa zona de administración como investigador.

Con esta opción accederás ao espazo de construción de tests, con diferentes apartados que tes que cubrir segundo as túas preferencias e o test que desexes realizar. Este módulo de elaboración do test está formado por unha serie de formularios:

1. Datos do test

Nesta primeira pantalla deberás inserir a información relativa ao test que vas realizar, como o título, o propósito da investigación ou o código, que será único para cada test.

2. Datos dos xuíces

Nesta sección podes determinar que datos queres recoller dos xuíces que van participar no teu experimento. Está organizado de maneira que o investigador dea unha serie de opcións pechadas para que o xuíz escolla.

3. Categorías

Aquí terás que introducir as características asociadas aos teus estímulos, e os valores posibles dentro de cada unha desas categorías. Por exemplo, poderiamos introducir a categoría lugar de articulación, cos valores bilabial, dental, e velar.

4 .Instrucións

Nesta sección introdúcense as instrucións que van poder ler os xuíces cando realicen o test, ao comezo e ao final.

5. Casos

Esta é a sección en que debes predefinir os casos (trial) do teu test. Aquí seleccionarás o número de estímulos que van aparecer en cada caso, o número de opcións de resposta, a repetición dos casos, a orde en que se presentan, e o tempo de pausa entre as repeticións de estímulos e a presentación de cada caso.

6. Caracterización

Nesta sección poderás caracterizar os casos do teu test. Aquí terás un formulario onde escribir a pregunta que lles vas formular aos xuíces, as respostas que lles ofreces como posibles e desde onde subirás os audios que empregues como estímulos do teu test.

7. Bloques

Na sección de CARACTERIZACIÓN DOS BLOQUES determínase o número de bloques en que queres que se distribúan os casos do teu test. Tamén escolles aquí se queres que se repitan os bloques, e o texto que lles presentarás aos xuíces na pausa entre un e outro bloque, no caso de que haxa máis dun bloque.

8. Previsualizar test

Ao finalizar a inserción de parámetros poderás visualizar o test que creaches, tal e como o verán os xuíces cando o realicen. Deste xeito poderás modificar calquera característica do teu test se atopas algún erro.

Despois de visualizar o test terás un esquema con toda a información relativa ao teu test.

Preme GARDAR para rematar e gardar o teu test.









A opción ELABORAR UN TEST permíteche crear test de detección, test de discriminación de tipo AXB, AX, etc., test de identificación, ou test de valoración con escalas. Para máis información consultar o Manual.

Podes volver a ver os teus test tantas veces como queiras na opción ADMINISTRAR TESTS. Aquí atoparás todos os tests que teñas creado, e poderás previsualizalos, ver a información que introduciches cando o creaches, ou previsualizar as respostas dos xuíces que xa o responderon. Tamén podes clonar un dos test que teñas feitos ou borralos.

Información

Podes consultar os datos relativos ao teu test, como o propósito da investigación, os obxectivos ou o código, e tamén información do número de casos de que consta o test, os estímulos ou as categorías asociadas. Isto permitirache acceder con maior facilidade ao test que buscas.

Previsualizar

Ao finalizar a inserción de parámetros poderás visualizar o test que creaches, tal e como o verán os xuíces cando o realicen. Deste xeito poderás recordar como era exactamente o teu test.

Respostas xuíces

Podes ver as respostas dos participantes no teu test sen necesidade de descargar a táboa de resultados.

Clonar

Queres replicar un dos test que xa tes feitos pero con pequenas modificacións?
Podes clonar un test unha vez que o teñas feito. Este novo test manterá todos os parámetros do orixinal, pero poderás facer as modificacións que precises. Só terás que introducir un novo código e subir os novos audios.

Borrar

Recorda que podes borrar os teus tests se xa non os precisas ou non os queres ter no teu espazo de traballo.

A través deste módulo poderás distribuír o test entre os xuíces que vaian participar no teu experimento. Existen varios modos de distribución posibles:

  • Enviando a URL aos teus xuíces, que accederán directamente ao teu test.
  • Enviándolles o enlace á páxina de acceso ao perfil xuíz, e o código do test que queres que realicen.

Os xuíces accederán a unha páxina de acceso, onde deberán introducir o seu nome de usuario e contrasinal, así como o código do test para a distribución do segundo tipo.

É necesario que os xuíces se rexistren para poder realizar os tests, no mesmo enderezo de acceso ao test.

Alta de usuario xuíz

Para realizar os test é necesario que cada xuíz se rexistre individualmente na plataforma. O rexistro de usuario xuíz é tan sinxelo como o rexistro para investigadores. Só é necesario premer o botón de REXISTRO DE USUARIO que aparece na páxina que se distribúe

O xuíz accederá a unha páxina de alta de usuario xuíz, onde deberá cubrir unha serie de campos para completar o seu rexistro:

Unha vez rexistrado volverá á páxina que lle foi enviada.

Este módulo permíteche traballar cos datos obtidos ao realizar os tests. Podes ver a información relativa a cada un dos test para decidir con cal queres traballar, e tamén podes previsualizar as respostas dos xuíces.

Conta cun módulo de análise estatística básica, que che permite obter unha análise descritiva do deseño do teu test, dos xuíces que o realizaron e das respostas que deron. En construción.
Tamén podes descargar as táboas cos datos de cada un dos teus test. Existen tres táboas diferenciadas:

Táboa de respostas dos xuíces

Esta táboa contén as respostas dadas polos xuíces que participaron no test en cuestión. Cada resposta dada polo xuíz correspóndese cunha fila da táboa. Polo tanto en cada fila inclúese tamén o identificador do xuíz, a pregunta que se lle formulou para ese caso, o estímulo que escoitou, cal era a resposta correcta e cal a resposta que ese xuíz escolleu. Ademais tamén se indica a data en que realizou o test e o tempo que tardou en responder.

Táboa de datos dos xuíces

Nesta táboa atópanse os datos que se lle solicitaron aos xuíces, e que se determinan no segundo paso da ELABORACIÓN DO TEST. O número de columnas que conteña a táboa dependerá polo tanto do número de categorías que se inseriran na xeración do test, e o número de filas dependerá do número de xuíces que realicen o test.

Táboa de categorías

Esta táboa contén os datos relativos aos estímulos. No punto tres da ELABORACIÓN DO TEST o investigador debe inserir aquelas características relevantes para o seu estudo que están asociadas aos estímulos que forman parte do test. É aquí onde se mostra a caracterización de cada estímulo do test.

Problemas co navegador

Recomendámosche o uso do navegador Google Chrome para un mellor funcionamento da plataforma FOLERPA

Esquecín o meu contrasinal

Tes a opción de recuperar o teu contrasinal na pantalla de inicio, mediante o correo electrónico que empregaches no rexistro de usuario.

Se es un usuario xuíz tes esta mesma opción na pantalla de acceso aos test: