O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela anuncia a celebración de Gallæcia – III Congresso Internacional de Linguística Histórica, que terá lugar entre os días 27 e 30 de xullo de 2015 en Santiago de Compostela e que estará dedicado a honrar os profesores Ramón Lorenzo e Antón Santamarina.

O III CILH ocorre na secuencia de Castilho – II CILH (São Paulo 2012), en homenaxe ao profesor Ataliba T. de Castilho, e de Rosae – I CILH (Salvador 2009), que honrou a profesora Rosa Virgínia Mattos e Silva, de feliz memoria. Esta terceira edición está organizada conxuntamente pola Universidade Federal da Bahia (Instituto de Letras), pola Universidade de São Paulo (Área de pós-graduação em Filologia e Língua Portuguesa, Cátedra de Estudos Galegos – DLCV / FFLCH) e pola Universidade de Santiago de Compostela (Instituto da Lingua Galega).

Están convidados a participar neste congreso investigadores e investigadoras nos distintos ámbitos da lingüística portuguesa e galega, de maneira particular nos dominios da lingüística histórica e da historia da lingua, mais tamén doutras disciplinas como a ecdótica, codicoloxía e paleografía, a onomástica, a sociolingüística, a dialectoloxía e xeolingüística, a lingüística aplicada, a adquisición e desenvolvemento da linguaxe, a psicolingüística, a fonética e fonoloxía, a morfoloxía, a sintaxe, a lexicoloxía, lexicografía e semántica, a lingüística textual, a análise do discurso, a pragmática e a lingüística computacional e de corpus.

brasao_ufba      logo_ux     USP_brasao_vetor_COLOR

Coa colaboración de

    Política ling  Gulbenkian  Cultura  Xacobeo  Universidades  UE

logo_camoes_final